A Costa Ártabra será o escenario, entre este venres e o martes, para os dez proxectos musicais, amais doutras actividades, que achega o Jazz de Ría. Este ano, a iniciativa cumpre a súa VIII edición cun enfoque aberto á diversidade que presenta este estilo e os detalles foron presentados onte nun acto que se celebrou en Pantín.
As novas propostas do jazz galego e estatal chegarán até os concellos de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño coa paisaxe atlántica como un dos principais atractivos do evento, que é totalmente de balde. Unha das citas máis innovadoras será a oferta do roteiro “Balcóns ao Atlántico”, que pechará o programa o martes e conducirá ao público a pé dende a praia de Pantín até a do Baleo, realizando paradas para desfrutar do son do saxo de Lois Rivera e das lendas do escritor Antón Cortizas.
Ademais, esta localización final será o fondo sobre o que actuará Leticia Rey, cuxa voz aproxima as sonoridades do jazz ás do indie e o folk, xunto a Iago Mourinho no teclado. Trátase dun percorrido que se prevé que dure arredor dunha hora, aínda que a volta pola pista calcúlase que se realice en 15 minutos. Non obstante, antes haberá outros concertos e actividades, que comezan co que ofrecerá Marco Mezquida, un dos pianistas do xénero máis recoñecidos a nivel mundial no panorama actual, o venres no Pazo da Cultura.
No mesmo concello, o Parque Freixeiro será o emprazamento dunha xornada completa en forma de romaría, dedicada a todos os públicos, na que se ofrecerá a posisibilidade de adquirir comida e espazos para o pícnic. Esta proposta celebrarase o sábado dende as 13.30 horas, cando comezarán as primeiras notas do grupo ferrolán Demo Rumudo, que mestura jazz e rock progresivo, seguindo coa sesión de Swing On DJs ás 14.00.
Pola tarde, ás 16.00, ofrecerase a única actividade para a que é preciso reservar praza, tamén de balde, na web do festival. Trátase do obradoiro de construción de instrumentos con material de refugallo, que se dirixe a pequenos de entre 4 e 12 anos, e estará a cargo da Escola da Vaca. Mentres, ás 16.30 horas, xa que está previsto que o taller infantil dure dúas horas, realizarase unha aula aberta de baile lindy hoop, que virá da man da escola viguesa Swing On. Ás 18.00 comezará a actividade para aprender os principais “palos” do flamenco a través das palmas, para o que non é preciso ter coñecementos previos, e que conducirá o ferrolán Isaías Salazar.
A música continuará ás 19.00 coa fusión de jazz e folclore iberoamericano, aparte doutros ritmos, que traerán Magali Sare & Manel Fortiá. Ás 20.30 darán a remuda Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero, que unen o xénero de autor con outras influencias como a world music, e ás 22.00 será a quenda da trompetista e cantante Alba Careta en formato quinteto.
En Neda, o espazo será a ribeira de San Nicolás, que dará a benvida á revelación na nova canción galega Antía Muíño, o domingo ás 13.00. Ao día seguinte, o festival achegarase aos parques cedeireses dos Patos, ás 19.00, e de San Isidro, ás 21.30, para as actuacións de Le Barluthier e Cuarteto Federal, que se inspiran na música dos anos 30 e achegan sons do jazz contemporáneo, respectivamente.