A atención domiciliaria no Ortegal achégase ao milleiro de intervencións en 2023

A atención domiciliaria no Ortegal achégase ao milleiro de intervencións en 2023
Isabel Leal e Marta Sánchez forman o ESAD da Área Sanitaria de Ferrol

As enfermeiras Isabel Leal González e Marta Sánchez Formoso percorren desde este xaneiro o Ortegal (zonas de Cariño, Cedeira, Ortigueira, Mera, Espasante, As Pontes e Mañón-O Barqueiro) para atender nos seus domicilios a pacientes inmobilizados, crónicos complexos, maiores de 75 anos con varias patoloxías e tamén a personas polimedicadas ou aquelas que tiveran un ingreso hospitalario nos últimos seis meses. Forman o Equipo de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD) da Área Sanitaria de Ferrol, que se encarga de atender á poboación do rural e de facer un seguemento tanto da enfermidade como do seu contexto social e familiar.


“Facemos unha valoración integral, non só a nivel clínico, constantes ou evolución, senón a nivel social: como se alimenta, barreiras no fogar, coidados que require, limitacións... Facemos unha foto de como está o paciente nese momento”, explican. Ese informe inclúese na súa historia clínica electrónica e está a disposición dos profesionais de Atención Primaria. Así, poden adiantarse ás complicacións e evitar, por exemplo, que unha úlcera vaia a máis, ou poden detectar a necesidade de acudir ao médico moito antes do que o faría o propio paciente, sobre todo en áreas onde os desprazamentos son máis difíciles. 


No que vai de ano realizaron 971 intervencións, incluíndo consellos, seguemento, coidados, educación sanitaria e valoración da historia clínica. A axenda inclúe seis consultas diarias, cun tempo estimado de 50 minutos cada unha, incluíndo desprazamentos, aínda que con flexibilidade.

A atención domiciliaria no Ortegal achégase ao milleiro de intervencións en 2023

Te puede interesar