Volve o Felicia Pop Festival. Para o ano fará un cuarto de século que a asociación cultural Felicia organiza o que é non só un dos festivais máis veteranos, senón o decano do xénero do pop en toda Galicia, antes Felipop e agora Felicia Pop. Un mérito da pequena parroquia fenesa de Limodre é manter vivo o espírito dunha cita que como cada ano mestura a bandas da comarca, de Galicia, de España e inclúe nomes internacionais. Nesta oportunidade os referentes serán os escoceses The Rezillos (tamén coñecidos como The Revillos) que triunfaron nas illas e media Europa a finais dos anos 70 e comezos dos 80 coa súa mestura de power pop, rock de ciencia ficción dos 60 e punk divertido. Os seus veteranos líderes, Eugene Reynolds e Fay Fife, estarán coa súa banda en Limodre para pechar a primeira xornada do venres 12.
Pero antes e despois non faltará a animación, como apuntan desde a organización. Deste xeito, a partir das 21.30 horas estarán Los Eternos de Cedeira, aires de country rock para presentar o seu último traballo “Sonora”. Seguirán Los Malinches desde Murcia, co seu ye-yé psicodélico, o power pop londinense de More Kicks e os citados cabezas de cartel, chegados desde Escocia, os inimitables heroes da new wave británica The Rezillos.
O programa do sábado presentará na sesión vermú, con entrada libre a partir das 13.30 horas, ao grupo Tesouro, desde Ourense, con ilustres músicos como Carlos Rego ou o fenés Daniel Alonso (Boy Elliott), seguindo o rock clásico de Rockers Go To Hell, que chegan desde A Coruña. Xa pola noite, na segunda sesión nocturna do sábado, actuará Pelazo desde Asturias, power pop a cargo de coñecidos músicos do principado. Desde as Rías Baixas proceden The Phanton Keys (con membros de The Limboos), continuando posteriormente a dose de power punk galaico da man de Terbutalina, que veñen desde Muros. Os londinenses Los Pepes ofrecerán un concerto mesturando o beat dos 60 co power pop dos 80 “nunha combinación moi do gusto do Felicia Pop”, como sinalan os organizadores.
Como é habitual, a cita recupera a sesión afterhours, con reputados picadiscos que afondarán no mundo da madrugada acompañados de clásicos da música popular do século XX. O Felicia Pop ofrece camping gratuíto á beira da Hortiña neste clásico dos festivais de verán de Galicia. As entradas poden adquirirse no propio recinto da finca ou, previamente, a prezo máis económico, na súa páxina web: www.feliciapopfestival.com. Colaboran no evento o Concello de Fene e a Deputación da Coruña.