Cúmprense dúas efemérides, o bicentenario de Vicetto no ano que remata, e o 45 aniversario do falecemento, tal día como hoxe, de Álvaro Paradela.
Salvando distancias no tempo e tamén nos perfís dos mencionados, ao meu modo de ver danse, a pesar de todo, algúns puntos en común. Por exemplo, trátase de dúas personalidades que amaban a Galicia, que deixaron pegada no mundo da literatura, a poesía, o xornalismo e que non teñen o privilexio de reinar na memoria colectiva, unha maneira sutil de sinalar que están condenados ao silencio, ao esquecemento.
Entrando ao detalle, cando leo as cartas de Vicetto a Murguía, acho actitudes moi semellantes na (aparente?) displicencia con que Vicetto trataba a Murguía e Paradela ao seu biógrafo e sonetista, César Michelena. Vexamos: Vicetto a Murguía : Chico, eres un infame, ni me escribes, nin me corriges [...] y, por fin, de postre, me comes las palabras que en la plana 104 Amaro dirige a Íldara” (Badaxoz, 22 de abril de 1857).
Paradela ao seu amigo e biógrafo César Michelena: “Somentes teño medo de ler o seu galego. Lémbrame foneticamente e sen esforzos ou tubo de escape dun coche-cacharro [:::] Teño que ler ou seu idioma sentado para non caer de cu”. Poño displicencias entre interrogantes porque máis ben este tipo de diálogos entran no plano da confianza, do privado.
Destacar o amor a Galicia por parte de Vicetto é unha obviedade. Se algo lle recoñecen todos, fieis e detractores incluído o seu “inimigo íntimo”, Manuel Murguía –Xosé Fandiño, dixit– é a súa paixón e loita por dar valor e entidade a Galicia, paixón representada nos sete tomos da Historia de Galicia e unha inxente obra narrativa histórica e novelística, iso a pesar da súa morte prematura, con só 54 anos.
No caso de Álvaro Paradela haberá que subliñar que na súa obra poética, como tamén a xornalística e os seus “Cadernos de Amaro Orzán”, palpita ostensiblemente a súa alma e identidade patrióticas. De feito o seu cadaleito foi á tumba envolvido na bandeira galega. Vicetto como Murguía prodigaron a súa presenza na prensa para proxectar as súas respectivas producións, concretamente á hora de “tocar a lira” que diría Paradela en clave de humor, referíndose ao apartado da composición poética. O historiador ferrolán deixou “sementadas” diversas publicacións polas que discorreu tamén cos seus folletíns, mentres que Paradela Criado fíxoo fundamentalmente en La Voz de Ortigueira, pero tamén en publicacións galegas e máis aló en países de fala hispana.
Existen, abondando nesas coincidencias, senllos episodios que non parecen moverse nas esencias do onírico, antes ao contrario foron reais e deixaron marcada pegada en ambos os personaxes. Refírome á intervención de ambos en casos de fusilamentos, Vicetto como militar ao mando dun pelotón, en tempos da guerra carlista e Paradela actuando como médico nun axustizamento, no caso da Guerra Civil española.
En fin, Álvaro Paradela e Benito Vicetto, dúas personalidades para tempos distintos con circunstancias distantes, pero algunhas “cousiñas” en común e un signo semellante, o esquecemento.
Hoxe cúmprense 45 anos da morte do médico, escritor e poeta, ao resultar atropelado cando, de mañá, nun día moi chuvioso, sacaba a pasear o seu can e ao atravesar a estrada de Castela, en cuxas proximidades vivía, produciuse o fatal accidente.