Besteiro reivindica en Ferrol a dixitalización do Arquivo Militar Noroeste

Besteiro reivindica en Ferrol a dixitalización do Arquivo Militar Noroeste
Un momento da visita de José Ramón Besteiro ao arquivo intermedio de Ferrol |Jorge Meis

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe en Ferrol “unha aposta pola dixitalización dos fondos do Arquivo Militar Noroeste” para que o acceso a todos os expedientes que se conservan nas instalacións do baluarte do Infante “sexa rápido e se poida facer desde calquera punto do mundo”. 

 

Besteiro confirmou que, tal como avanzou onte o Ministerio de Defensa, o arquivo non se vai trasladar a Madrid, atallando así os rumores que xurdiron hai varias semanas.

 

De feito, o propio líder socialista explicou tras percorrer esta mañá as dependencias, que a principios de mes comentou esa “rumoroloxía” con representes de asociacións de memoria histórica, que lle manifestaron a súa preocupación, especialmente polo destino da documentación relacionada coa guerra e a posguerra, como “o material xudicial daquela época".

 

Foi durante unha visita ás excavacións da fosa común do cemiterio do Val, en Narón, na que xacen máis de medio centenar de represaliados da Guerra Civil e da ditadura. “En aquel momento comprometinme a que faría as xestións necesarias para impedir un traslado”, afirmou sobre unha posibilidade que implicaría poñer “en risco” os labores de investigación, tanto dos estudosos como dos familiares das vítimas.

 

“Hoxe sentíame na obriga de vir a Ferrol para dar a coñecer o resultado desas xestións”, dixo o secretario xeral, que lle quixo dar valor ao traballo que os socialistas están facendo “en relación coa recuperación da memoria e do descanso de tantos familiares de represaliados”, moitos dos cales teñen no arquivo ferrolán “a súa historia”. 

 

Nese senso, destacou que o socialista foi “o partido que desenvolveu todas as tarefas para devolver a dignidade ás vítimas” e, sobre todo, “para impulsar a memoria democrática no noso país”.

 

 

Un centro de divulgación e coñecemento

 

Logo de coñecer as instalacións do Arquivo Militar, o secretario xeral do PSdeG mantivo unha reunión na Casa do Pobo de Ferrol con membros de entidades de memoria histórica da cidade e da comarca.

 

José Ramón Gómez Besteiro insistiu en que o que xa é un centro de divulgación e coñecemento avance nese papel “apostando pola dixitalización para se poida acceder desde calquera lugar”. 

 

Nese senso, lembrou que nas instalacións ferrolás non se custodian unicamente expedientes de Galicia, “senón tamén de Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa e parte de Castela e León”.

 

Con ese impulso da dixitalización empezarase a incrementar a “pequena porcentaxe” de expedientes que xa están dispoñibles en soporte informático. Para elo, débese contar con achegas económicas “por parte dos Orzamentos do Estado”. Porque, recordou Besteiro, a memoria histórica é “unha peza estrutural” do proxecto político socialista.

Besteiro reivindica en Ferrol a dixitalización do Arquivo Militar Noroeste

Te puede interesar