A “biblioteca humana” é unha das propostas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

Entre as citas destaca a de clausura, onde calquera persoa poderá falar con sete científicas
A “biblioteca humana” é unha das propostas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia
A última proposta terá lugar na sede de Afundación de Ferrol | EMILIO CORTIZAS

O Concello de Ferrol celebrará entre o luns 10 e o venres 21 o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa oferta de diversas actividades, que se clausurarán cun encontro con seis científicas. Na edición deste ano serán protagonistas as referentes locais Ángela Ruiz Robles, Ángeles Alvariño e Rebeca Atencia, así como a primeira muller astronauta española, Sara García Alonso.


“Trátase de 14 sesións de contacontos que se levarán a cabo en varios centros educativos da cidade para dar a coñecer entre os escolares o papel de tres importantes científicas ferrolás como son Ángela Ruiz Robles, Ángeles Alvariño e Rebeca Atencia, das que nos sentimos moi orgullosos”, adiantou a concelleira de Igualdade, Elvira Miramontes. As sesións de contacontos dirixidas a escolares desenvolveranse nos colexios Jesús Maestro, Cristo Rey, Belén, Ludy, Santa Juana de Lestonnac, La Salle e no CPR Plurilingüe Valle-Inclán, así como nos CEIP Isaac Peral, A Laxe e San Xoán de Filgueira, entre outros.


Ademais, os distintos centros educativos poden participar, do mesmo xeito que o resto da cidadanía, no proxecto “Biblioteca Humana”, que se organiza en colaboración coa Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia e do Campus de Ferrol.


Así, unha das citas máis destacadas terá lugar o venres 21, de 16.30 a 20.00 horas, na sede de Afundación do Cantón. Trátase dun encontro no que calquera persoa que o desexe poderá participar conversando, no patio central das instalacións, cun grupo de sete científicas sobre os seus traballos.


O colectivo de mulleres estará integrado por Lucía Santiago Caamaño, coordinadora da actividade e doutora pola Universidade da Coruña  –UDC– no programa de Enxeñaría Naval e Industrial; María Jesús Movilla Fernández, doutora pola UDC en Ciencias Sociosanitarias; Asunción López Arranz, doutora en Dereito; Ana Ares Pernas, doutora pola UDC en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros; Laura Castro Santos, doutora pola UDC en Enxeñaría Naval e Industrial; Laura Alonso García, enxeñeira naval e oceánica pola UDC e Ana Jesús López Díaz, doutora en Física. 

A “biblioteca humana” é unha das propostas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

Te puede interesar