O impacto que as obras de humanización das Pías está a ter nas comunicacións co centro de Ferrol e cos barrios máis afectados polas mesmas chega ao Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, presentou unha pregunta na que insta ao goberno a contestar a varias cuestións relacionadas cos traballos que están en marcha.
A formación nacionalista quere saber cal é o grao de execución das obras na actualidade e se se está a cumprir o plan de obra e o cronograma de execución dos traballos. Neste mesmo senso pregunta se se realizou algunha modificación respecto do proxecto e, de ser o caso, se estas afectan ao prazo de execución e ao orzamento. Inquire tamén cal é a data prevista para a finalización e recepción da obra.
Hai tamén varias cuestións que están relacionadas coa forma na que os traballos están prexudicando á veciñanza e o que consideran “unha falta de comunicación entre os responsables das obras, a administración local e o conxunto de veciños e veciñas afectadas”. Algo que sucede “desde o principio”. Por iso demandan información sobre a creación dunha comisión de coordinación e informativa con presenza das administracións, a empresa e os residentes –o pleno municipal aprobou por unanimidade a súa solicitude–.
Con respecto á situación en concreto da rúa Nova de Caranza, que se debe cortar para derrubar o paso elevado e continuar coas obras, Néstor Rego pregunta se está prevista a construción dun bypass que mitigue os efectos desta restrición e se se vai levar adiante algunha medida para facilitar a comunicación peonil entre o barrio de Ultramar e o de Esteiro mentres a conexión estea interrompida.
“Seguen existindo importantes déficits de información sobre o desenvolvemento das obras, así como sobre o proxecto que se pretende executar”, indican no texto. “Os veciños e veciñas non son informados nin polos responsables do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel nin polo goberno municipal”, engaden.
O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, explicou a posición do seu grupo, que considera que “a veciñanza é a grande esquecida destas obras”. Coa iniciativa no Congreso pretenden, apunta “paliar os déficits de información sobre o seu desenvolvemento”.
O Ministerio de Transportes e o Concello de Ferrol chocaron a pasada semana a conta do corte da rúa Nova de Caranza anunciado o xoves para executarse ao día seguinte. É preciso para derrubar o paso elevado. Porén, non se atenderon as peticións municipais de habilitar un bypass que permitise o tránsito rodado e peonil pola zona, mantendo a conexión con Ultramar desde o nó de comunicacións que é a glorieta de Uxío Novoneyra. O Concello desautorizou o corte e o Ministerio rectificou. Esta semana iniciaron conversas que deben continuar nos vindeiros días.