“Foi o gran visionario, precursor e impulsor da revitalización contemporánea do Camiño de Santiago”. Esa é a definición que fai de Elías Valiña, o cura do Cebreiro, o xornalista e cineasta Aser Álvarez, comisario da mostra que até o día 14 poderá visitarse na Casa da Cultura de Pontedeume. Nesta exposición, que ten viaxado por moitos lugares vencellados ao Camiño, e mesmo non (como Madrid, con grande éxito de público), Álvarez reúne material gráfico –cedido pola familia– e tamén audiovisual co que repasa a traxectoria dun home decisivo no pulo ás rutas xacobeas, aínda que el, que morreu en 1989, antes do gran empurrón que supuxo a declaración da Unesco, non o puidese gozar.
O certo é que Valiña é pouco coñecido en Galicia e con esta exposición multimedia Aser Álvarez quixo “salvar esa eiva”, coincidindo co trinta aniversario desa efeméride (1993). “Se non fose polo seu traballo desde 1959, cando chegou ao Cebreiro, para facer realidade aquel soño que el tivo de reactivar e recuperar unha ruta medieval totalmente esquecida e abandonada”, ese fito non sería posible naquela altura.
De Valiña, lembra Aser Álvarez, é a autoría da primeira tese doutoral sobre o Camiño, as primeiras cartografías, as guías para peregrinos que logo se replicarían en incontables ocasións e mesmo o traballo para rehabilitar a igrexa do Cebreiro e a súa aldea, que non tiña, subliña, “nin luz nin auga”. “Polo tanto”, resume o cineasta, “é moito menos coñecido do que debera e de aí xorde a idea desta mostra”.
“Inventou a frecha amarela, a icona máis universal que hai agora mesmo en Galicia”
“É unha historia moi potente”, asegura Álvarez, pois “non é só a dun soñador, senón a verdadeira historia do que foi o rexurdimento contemporáneo do Camiño de Santiago”. Logo houbo outras figuras importantes neste labor, recoñece o comisario, “como Xerardo Estévez ou Federico Mayor Zaragoza e tamén o Plan Xacobeo”, pero “este non tería sido posible se este home non lle dedicara trinta anos da súa vida a traballar por facer do Camiño o que hoxe é, promovendo tamén as primeiras asociacións xacobeas e, aínda por riba, a invención da frecha amarela, que significa inventar a icona máis universal que hai agora mesmo en Galicia”.
A batalla de Aser Álvarez líbrase contra “o efémero da memoria” e, nese sentido, “moita xente cre que o Camiño sempre estivo aí, pero non”. “Ás veces”, engade, “pensamos que as grandes cousas acontecen nas grandes cidades e nos despachos, pero non. O que nos mola desta historia é precisamente que non foi así e por iso queremos reivindicar un pequeno gran home que durante moitos anos fixo unha travesía no deserto na que só tivo o apoio a súa familia”.
Rehabilitar a figura de Valiña é o obxectivo prioritario, pero Álvarez tamén quere establecer un diálogo co presente e co futuro e propiciar un debate sobre cara a onde vai o Camiño. “El era unha persoa moi crítica”, apunta o cineasta, “e se hoxe vivira, habería cousas que lle ían gustar moito, pero tamén outras non lle gustarían tanto. Tomemos o seu exemplo para pensar cara a onde queremos que vaia este fenómeno que é imparable, pero que hai que xestionar ben”.