A base de palabras, que se escoitan ou se len, vaise dando forma á realidade comunicativa, un fundamento que deberon entender os 219 alumnos e alumnas que se presentaron voluntarios ao Desafío Galego 2025. Nesta cuarta edición que vén de rematar, e que o venres se celebrou cunha excursión a Pontevedra con motivo do Ano Castelao, a iniciativa xa se contaxiou do IES Concepción Arenal ao Sofía Casanova, con resultados como os que amosan Candela e Inés na súa canle de TikTok (@candelaeines_) que dan fe de que existe “un desexo de lingua”.
Así cualifica o contexto no que xorde este proxecto Marcos Abalde, profesor destas alumnas e un dos membros do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Concepción Arenal, dende onde se comezou a promover fai catro anos o chamado Desafío Galego. Naquel tempo, estaban a buscar un xeito innovador de cumprir co principal obxectivo e razón de ser deste colectivo: que o idioma se utilice.
“Históricamente o uso da lingua foi un estigma negativo e houbo moitísima violencia contra os nenos galegofalantes nas escolas, tanto física como psicolóxica”, continúa, apuntando que a intención da proposta “é darlle a volta a esa vergoña, que aínda existe hoxe, para sentir un orgullo”. A fórmula elixida segue unha tendencia familiar para o seu público, os retos, que de moi distinta índole se adoitan realizar e compartir nas redes sociais.
O desafío que este ano xa se propuxo en dous institutos de Ferrol, do 31 de marzo até o pasado venres, consistiu en que o alumnado que se presentara voluntario falara sempre en galego durante o período marcado, de xeito que foran “estendendo o uso da lingua en todos os ámbitos”, sinala Abalde, animando a facer o intento e que “polo menos, que avance algo a lingua”.
As persoas que se inscribiron, 159 estudantes do Concepción Arenal e 60 do Sofía Casanova, asinaron un compromiso de participación, que se puxo sobre a mesa “como se fose unha festa da lingua”. Unha vez dentro, os convidados reciben unha pulseira, do mesmo xeito que ocorre en salas e festivais, que os identifica como parte do enredo. “O que subliñamos é que neste xogo hai que tomar as normas en serio para que funcione” e así chegar á liña de meta: “que se note nos corredores a lingua galega”, explica Marcos Abalde, aclarando que, efectivamente, durante as xornadas que abarcou o proxecto o cambio foi tanxible.
A clave está en “activar os falantes, porque a maior parte do alumnado do instituto pode falar galego automaticamente, so que necesita gañar un pouco de soltura”, relata o profesor. Ao tratarse dunha actividade voluntaria, o ingrediente principal é a motivación, xa que a maioría dos inscritos “no fondo son bilingües innatos”.
Este ano participou aproximadamente a metade das clases de Bacharelato do centro promotor, unhas cifras considerables ao contar con oito grupos por cada un dos dous cursos. Os resultados son realmente positivos no ámbito do instituto e noutros no que a comunicación tamén é privada, como as conversas de WhatsApp ou determinadas contornas, constituíndo todo un reto o feito de dar a cara nas redes sociais, que é o que máis lles custa aos participantes.
Este non é o caso de dúas alumnas de 2º de Bacharelato do IES Concepción Arenal. “Xa nos apuntaramos o ano pasado, gustounos moito a idea e este ano queriamos levalo máis aló e facelo ben”, relata Candela González Alves sobre o salto que deu nesta edición xunto a súa compañeira, para “galeguizar” as súas redes sociais. “Motivounos unha charla de Sara Seco que tivemos no instituto, que dixo que ía compartir os vídeos que fixeramos en galego”, engade Inés Morado Fernández, sobre a madriña desta cuarta edición.
O encontro con esta influencer serviu de acto simbólico para marcar o comezo da actividade, coincidindo os alumnos participantes dos dous centros, e que en definitiva “é un exercicio social”, en palabras do seu profesor de Lingua, que o comparou cunha iniciativa que se leva a cabo en Euskadi, chamada Euskalaldia, coa gran diferenza de que alí realízase cun “despregue enorme de todas as institucións”.
A cooperación da maior cantidade posible de centros educativos, e outros axentes sociais como os medios de comunicación, sería imprescindible para apreciar un cambio a nivel local, tal e como demostran algúns resultados obtidos nesta cuarta edición, na que se suma o IES Sofía Casanova, e que podería ser un proxecto piloto dunha aposta maior. Segundo indican Candela e Inés, cos seus amigos e achegados deste instituto tamén puxeron en práctica o seu dominio do idioma en contextos de lecer, polo que se pode afirmar que o Desafío Galego 2025, en maior ou menor medida, chegou ás rúas.
Neste sentido, as dúas dan conta de que esta é precisamente a contorna na que máis lles custa cambiar os seus hábitos, do mesmo xeito que lles ocorre no ámbito doméstico, xa que a maior parte das familias son castelanfalantes, segundo apunta o profesor. Pola contra, esta fronteira dilúese nas clases e recreos, nas que “como estamos todos falando en galego é moito máis sinxelo”, opinan as tiktokers, confirmando a apreciación de Abalde: “os rapaces queren a lingua, so que lles faltan ámbitos onde despregar ese desexo”.
Candela e Inés son un exemplo porque xuntas teñen unha canle de TikTok na que comezaron a revalorizar a lingua a través do seu uso nos vídeos que van subindo, mesmo despois de ter rematado o Desafio Galego. Con este fin, tratan temas totalmente independentes do idioma, como pode ser a moda, e outros máis relacionados, como a música en galego. Nalgunhas publicacións acadan cifras altísimas que nin imaxinaban cos contidos en castelán que xa viñan creando, chegando agora a superar nalgúns casos as cen mil reproducións.
Segundo as artífices, co xiro que deron ás publicacións tamén atraeron as críticas negativas de certos perfís que non entenden as súas motivacións, comentando ademais que poderían chegar a máis xente se utilizaran o castelán, xerando así un conflito ao que queren atender outros usuarios. O número de visualizacións dálles a razón a elas, así como os xestos de apoio que tamén recibiron por parte da comunidade e que decidiron poñer de relevancia nun dos seus vídeos.
Igual que se conmemorou o comezo do reto, este exercicio tamén tivo o seu final, que se presentou en forma de excursión para valorar o esforzo realizado polos participantes deste ano. Aproveitando que este 2025 é o Ano Castelao, os potenciais neofalantes visitaron o venres o Museo Provincial de Pontevedra, para coñecer a maior parte da obra plástica desta icona do nacionalismo galego ao que se rende homenaxe a nivel autonómico.