Cándido Pazó | “Temos que estar moi atentos para que a autocensura non nos cape como persoas creativas”

A súa versión de "Entrega en man" represéntase o sábado no Pazo da Cultura
Cándido Pazó | “Temos que estar moi atentos para que a autocensura non nos cape como persoas creativas”
Cándido Pazó é un referente do teatro galego I Cedida

Cándido Pazó –Vigo, 1960– é o encargado de adaptar e dirixir coa compañía Contraproducións “Entrega en man”, obra orixinal de Martin McDonagh na que o humor negro alcanza cotas ben altas, grazas, en boa medida, a un traballo actoral soberbio. Este sábado, ás 20.00 horas, represéntase no Pazo da Cultura de Narón.

 

Que versión vai atopar o espectador o sábado? 
Aínda que sexa un termo moi manido hoxe en día, é efectivamente un tanto surrealista. Eu sempre digo que é unha comedia denegrida. De fondo están os temas do racismo, a xenofobia ou o machismo, pero ante todo é unha peza na que está ese humor tan típico de Martin McDonagh, que é un humor que ten un punto de absurdo, pero con ese nivel de absurdo que ás veces tamén atopamos na realidade. Por iso é un humor moi galego, que moitas veces chega aos xulgados e que despois se transforma en “memes” que circulan polas redes... McDonagh é un autor que xa se representou moitísimas veces en Galicia con outros títulos como “The Lonesome West”, “The Cripple of Inishmaan” ou “A Skull in Connemara”, protagonizados case sempre por Evaristo Calvo ou por Santi Romay, que están neste espectáculo tamén, e, por ser irlandés, é un tipo de humor que aquí se recoñece moito como noso, con moita retranca...

Esta adaptación sáese un pouco do ámbito no que vostede está afeito a traballar? 
Non, eu non o diría porque é un traballo moi de actores, un traballo onde o texto e o xogo da palabra ten moita importancia, onde se chega ao espectador dunha maneira moi directa, onde os códigos son claros, e iso en gran medida define o meu teatro.

 

Como definiría o traballo que realizan os actores?
É un traballo moi de carácter, desde o protagonista, que é Evaristo Calvo, pasando por Diogo Sales (un rapaz brasileiro que traballa por vez primeira no noso teatro), María Rojas ou Santi Romay, xa moi coñecidos, que fan personaxes moi perfilados, que están no extremo de seren reais pero dos que realmente te preguntas “pero como pode existir xente así?” Pero é certo que existe xente así e non quixera eu recorrer a ese tópico de que a realidade supera á ficción, pero con Martin McDonagh, tanto no teatro como no cine, esta afirmación realmente se comproba.

O humor de Martin McDonagh, por ser irlandés, é un tipo de humor que aquí se recoñece moito como o noso, con moita retranca

 

Muda moito a forma de traballar cando se afronta unha adaptación ou unha obra propia? 
Cambia, si, porque cando traballas a partir dunha adaptación dunha peza que xa existe, certamente a pauta está. Tes ademais exemplos de como se acometeu por parte doutra xente e, polo tanto, podes calibrar, o traballo é máis sobre seguro, pero non no sentido de que che vaia saír ben –porque pode saír iguamente mal–, pero en todo caso sabes a que estás a xogar, que espazos escénicos che suxire o texto, que referencias tes, que significados... E, sobre todo, facer esa viaxe entre ese texto, neste caso dun autor irlandés que vive nos Estados Unidos, ao noso público, ao público de aquí, á nosa recepción... Cando a obra é orixinal, ti tes as túas ideas e todo é máis certo. Mesmo cando fas a adaptación dunha novela, como é o caso de “As cigarreiras” ou “A peste”, é distinto porque partes dun xénero (a novela) que non é teatro. Neste caso, sempre considero que unha adaptación deste estilo para min é en certo modo un descanso, gózoo moitísimo. É como cando un neno colorea e o neno pon as cores que lle prestan e hai unha gran creatividade, pero é unha creatividade pautada, contida. A min coas adaptacións pásame igual: disfruto porque estou como un neno coloreando.

 

Agora ten que medirse máis, ten que ser máis comedido no que respecta aos límites do humor? 
No teatro, sobre todo se é unha adaptación, non se nota tanto. Tes certas cousas, certos medos resoándoche que antes efectivamente non tiñas. Neste espectáculo, por exemplo, os personaxes, que son bastante ruíns, cando se insultan chámanse de todo, e un sempre ten iso aí que lle ronda na cabeza... E cando fago actuacións directas como monólogo ou contacontos, tamén anda iso aí. Se sucumbimos a facer autocensura? Eu sería un pouco soberbio se che dixese que non. Conscientemente, creo que non, pero supoño que hai unha autocensura inconsciente, reflexa, que está aí. Eu teño contos e historias que hoxe en día me custa traballo contar porque hai outras sensibilidades. En moitos casos é normal que as haxa; noutros, pois como toda a sensiblidade, pode estar un pouco desmedida, como pode pasar coas alerxias: cando o sistema inmunitario responde excesivamente produce unha alerxia. E pode ser que na consideración da nosa relación cos demais se estea producindo algún tipo de alerxia. Temos que estar atentos para que a autocensura non nos cape como creativos. 

Cándido Pazó | “Temos que estar moi atentos para que a autocensura non nos cape como persoas creativas”

Te puede interesar