Ferrol volve recibir polo Nadal, como xa é tradición desde hai uns anos, ao gaiteiro galego máis internacional e considerado tamén un dos mellores do mundo. Carlos Núñez subirá esta tarde (19.00 horas) ao escenario do Jofre para facer o que máis lle gusta: emocionar, animar e sorprender ao público coa música celta de raíz que el leva espallando por todo o mundo desde hai máis de dúas décadas.
O vigués, para quen a marca celta é, ata agora, “a que mellor puxo a Galicia no mapa en todo o mundo”, continúa a experimentar novos camiños da man de músicos doutros estilos, pois iso sempre enriquece. “Continuamente estou en contacto con novos creadores de músicas urbanas, electrónica... A sociedade foise abrindo máis e agora a xente máis moza está máis aberta a traballar coa tradición”, di.
Xunto a temas que forman parte do disco publicado o pasado ano co gallo da celebración do 25 aniversario da Irmandade das Estrelas –o seu primeiro disco en solitario–, no que contou con colaboracións de artistas como Rozalén, Tanxugueiras ou Iván Ferreiro, entre outros, no concerto desta tarde soarán novidades dos últimos meses, como a danza de espadas que vén de gravar co dj vigués Yung Denzo, de 18 anos.
“Desde o disco do 25 aniversario estiven moi en contacto con C. Tangana. Con tres dos seus colaboradores, de Galicia, gravamos a Muiñeira de Novoneyra. Hai pouco gravei tamén unha peza con Baiuca, unha alborada portuguesa, cunha gaita antiga, moi épica, con ritmos electrónicos”. Fala tamén do entusiasmo de Pablo Alborán pola colaboración que veñen de facer, coas gaitas e frauta de Carlos Núñez xunto á voz do cantautor malagueño, “que quere continuar facendo cousas”.
Ilustra deste xeito o gaiteiro vigués a súa continua interacción con artistas de todos os xéneros, desde a ópera á música antiga, desde o flamenco ao trap, ou mesmo con obras saídas dun xenial compositor como foi Beethoven. Cara a esta figura conduce a conversa Núñez, para salientar o concerto que terá lugar o vindeiro xuño na catedral de Saint-Denis de París para presentar as músicas celtas do virtuoso alemán, xunto ao recoñecido barítono Bryn Terfel e a Orchestre National de Bretagne. “Estas son as músicas nas que levo máis de quince anos traballando, as músicas celtas de Beethoven, descoñecidas para a xente. Nos últimos quince anos de vida, namorouse das músicas celtas, porque lle parecían moi modernas, diferentes ao sistema alemán de música clásica e tan descoñecidas. Son case duascentas composicións. E isto ímolo facer en París en xuño e levarémolas tamén a Viena. Estes concertos fanme moita ilusión”, recoñece.
Como ilusión lle fai tamén cada ano voltar a Ferrol por Nadal para atoparse cun público que define como “marabilloso”. Di da cidade naval que “ten unha enerxía fantástica, é unha das cidades de Galicia con máis enerxía, xente traballadora, creativa, e aí temos moitos amigos, que iso tamén é moi importante. Seguramente por esta razón é unha cidade na que me sinto en casa”.
Dalgunha desa xente querida rodearase na cita desta tarde. É o caso de María López Carballo, “unha moza virtuosa da zanfona e tamén da gaita. Coñecímola cando tiña oito anos, inviteina a vir tocar ao Auditorio Mar de Vigo e puxo o auditorio patas arriba coa zanfona. Era unha nena prodixio”, gaba o músico.
Subirán tamén ao escenario “os nosos amigos da Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, para a parte máis épica do concerto”, engade Núñez.
O Jofre encherase, unha vez máis, para gozar dunha auténtica festa da música celta, un xénero que “estamos a crear entre todos, conxuntamente, escoceses, irlandeses, galegos, galeses, bretóns... e agora tamén un pouco todo o norte de España está espertando, no sentido de que é como un clube no que nos intercambiamos ideas, experiencias”, destaca un músico que hoxe, de novo, celebrará a música celta sobre o escenario do Jofre.