O Carrabouxo: "O chiste político é o pan noso de cada día, pero a min gústame máis o humor a secas"

O humorista gráfico inaugura hoxe exposición no Torrente Ballester
O Carrabouxo: "O chiste político é o pan noso de cada día, pero a min gústame máis o humor a secas"
Xosé Lois González, máis de 40 anos facendo humor gráfico I La Región

Xosé Lois González, O Carrabouxo, estará hoxe ás 12.00 horas en Ferrol na inauguración da mostra que, organizada pola Fundación Galiza Cultura coa colaboración das Deputacións de Ourense e da Coruña, o Concello de Ferrol e a sociedade cultural Medulio, resume os 40 anos de humor gráfico do popular personaxe no xornal La Región. Poderá visitarse no Centro Torrente Ballester até o 9 de abril.
 

A exposición recolle unha viñeta por cada ano de traballo no diario ourensán desde 1982. “Xa se cumpriu algún máis; La Región e mais eu imos xa para os 42, un milagre de convivencia, pero as grandes celebracións duran varios anos”, di mentres ri. 

Con esa traxectoria, o traballo de selección sería moi complicado... 
Moi complicado, si, e desde logo non é unha mostra exhaustiva nin son as mellores viñetas, porque houbo que escoller entre 15.500! Pero como limitei a escolla a unha por ano, de todos os estilos e de todas as temáticas, puiden ir variando. Logo cando acabas daste de conta de que quedou isto ou aquilo sen poñer. É igual: quedará para outra vez, para a exposición dos 80 anos!

 

Crear un personaxe que conviva co lector 40 anos, que transcenda, está ao alcance de moi poucos. Considérase un dos humoristas gráficos que mellor identifican e reflicten o carácter galego?  
Corenta anos son moitos anos e, desde logo, hai viñetas para saír do paso porque hai que facer unha cada día e ás veces saen cousas de pouca calidade, pero regularmente sae algunha que reflicte de xeito fiel a nosa cultura e a xente séntese identificada con ela. O máis importante que ten O Carrabouxo é a popularidade, non por ser famoso, senón por estar asumido pola xente do pobo como unha especie de paladín, no sentido de que ás veces tamén che piden axuda sobre un conflito nunha fábrica, etc. O Carrabouxo é unha persoa galegocéntrica, expresa as cousas desde o prisma do galego; para el, Galicia é o centro do mundo e desde aí analízao todo. E as noticias sobre Galicia son as que toman preeminencia e dan orixe ás viñetas. Este ano aínda recibín fotos do Entroido de xente disfrazada como o Carrabouxo, ou a súa figura nunha alfombra floral nun pobo... Hai esa identificación.

 

Como xurdiu o personaxe? 
Fisicamente é sempre o personaxe máis alto da viñeta, ten unha pucha tapándolle os ollos e non fuma. O cigarro sempre está apagado, nunca fumega (ri). Foi un reto: eu debuxaba xa semanalmente na Nosa Terra, antes en voceiros clandestinos ou na revista Can sen Dono. Asumir o reto de debuxar a diario é transcendental porque xa é outra cousa. Supón un sacrificio e unha dedicación moi grande porque non pode saír algo de calidade se non lle dedicas tempo cada día. E é importante facelo para ser honesto co público.

 

O humor gráfico ten que levar sempre unha mensaxe ou intención política ou social? 
Non, cando menos non explicitamente. O humor sempre ten un contido social porque sempre reflicte algo misterioso que hai na condición humana. É unha forma de expresión da que non hai unha definición unánime. Houbo definidores do humor en todas as épocas, pero esa forma de comunicación humana constitúe un dos grandes patrimonios e exclusividades do ser humano. O humor foi perseguido en moitas épocas, pero tamén é moi asimilable polo sistema: sempre é máis asimilable un chiste que un artigo, aínda que teñan o mesmo contido político. O chiste político é o pan noso de cada día, pero a min gústame máis o humor polo humor, o humor a secas, o que non ten contido político inmediato: ese é o mellor chiste. E nisto son contrario ao meu grande amigo Pepe Carreiro, que di que o humor non ten que facer rir, e a min encántame ver á xente rir a gargalladas, e con isto non quero dicir que el non teña razón. Cando vexo algúen rir a gargalladas diante dunha viñeta estoume conmovendo porque el se está a conmover con ese tremor indefinible. Entón non ten por que ser necesariamente político aínda que é un recurso diario que serve para informar e para transmitir unha ideoloxía, a do autor. Pero eu prefiro os chistes apolíticos, aínda que non fondo sexan políticos, porque son relativos á polis, á sociedade.

 

A peneira foi complicada, si, porque houbo que escoller corenta viñetas entre 15.500!

 

Existe un humor galego? 
Penso que si. Unha das cousas que nos define é o humor, non porque o digamos nós, senón porque nolo recoñecen os de fóra. E, ademais, hai moitas variedades: a retranca, o transacordo, a rexouba, a sorna...

 

E ten que ter límites? 
Hoxe en día o humor só ten que limitar co que é a igualdade e non traspasar os límites do que son os dereitos humanos e non faltar ao respecto por raza, relixión, condición física ou sexo das persoas. Mentres non transgreda eses límites pódese facer humor de todo. Temos feito algún chiste que non volveriamos facer porque temos aprendido moito sobre o machismo, por exemplo, sobre o racismo, sobre o físico, e que teñamos aprendido está moi ben. 

O Carrabouxo: "O chiste político é o pan noso de cada día, pero a min gústame máis o humor a secas"

Te puede interesar