A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (Alcer) e persoal sanitario especializado sumaron onte esforzos para trasladar á poboación a importancia da prevención destas doenzas, no Día Mundial do Ril. Unha dieta sá e un adecuado exercicio físico, así como o control do peso e o abandono do alcol e do tabaco son fundamentais para manter en bo estado estes órganos e nese aspecto insistiron onte nas mesas informativas que Alcer instalou no vestíbulo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e tamén no Hospital Juan Cardona. Pola tarde, os esforzos divulgativos trasladáronse ao centro comercial Odeón, en Narón.
Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables como a diabetes ou a hipertensión, lembrou o responsable de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza. Foi nun acto que se celebrou ao mediodía ao pé da mesa de Alcer, e no que participaron tamén o xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio e as representantes de Alcer Coruña: a vicepresidenta, María José Brión, e a administrativa, Ana Transmonte.
“Aumentar o coñecemento para mellorar o coidado renal” é o lema da conmemoración deste ano, que fai fincapé tamén na detección precoz, sobre todo se hai factores de risco como enfermidades cardiovasculares. A enfermidade é progresiva e canto antes se detecte, antes se poden tomar medidas. Se os riles fallan, o organismo non elimina os produtos tóxicos do organismo.
Desde Nefroloxía indican que hai estudos que predín que en 2040 a enfermidade renal crónica será a quinta causa de morte do mundo, só por detrás da enfermidade coronaria, o ictus, as infeccións das vías respiratorias ou a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
No ano 2021 incorporáronse aos tratamentos renais substitutivos crónicos un total de 26 persoas. A data de 31 de decembro, na área sanitaria ferrolá había 286 persoas nesta situación. Isto inclúe as que acoden a diálese peritoneal (16), hemodiálese (124) e tamén a trasplantados (146). Realizáronse, en total, 3.704 consultas externas e, a maiores, atendéronse outras 776 a través da telemedicina cos centros de saúde. Precisamente a área ferrolá foi a primeira de Galicia en implantar esta comunicación directa cos médicos de Atención Primaria.
Nefroloxía atende a persoas con patoloxía renal, aguda ou crónica, ao longo dos seus distintos estadios evolutivos. Intégrana seis facultativos e trece profesionais de Enfermaría.