O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene volve reunirse nunha sesión que xira en torno ao libro “Os afogados”, polo que Pablo J. Rañales, que estará presente na xornada, gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2023. Está previsto que a cita comece ás 18.00 horas e remate ás 19.30, no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.
A xuntanza congrega a catorce persoas, que previamente recibiron un exemplar da obra, de xeito que teñan a oportunidade de manter unha conversa co autor, de orixe mugardés.
“Os afogados” que idea Pablo J. Rañales son unha nova especie animal que invade a Galicia do século que ven. Estes seres transforman as paisaxes e retan á sociedade con moitas preguntas, ás que a humanidade deberá buscar respostas e escoller a maneira de enfrontarse a estas criaturas, que pode ir dende o ámbito da guerra, o científico ou incluso o agarimo.
O escritor é graduado en Xornalismo e obtivo o I Premio de Literatura Experimental no 2000. Aínda que publicou con anterioridade, no 2021 editou a súa primeira novela, “Siervos de tinta”, e en 2023 sacou a segunda, “En la chepa del busero”, no mesmo ano que gañou o Illa Nova por “Os afogados”.