Celia Fernández, socióloga: “O prezo da vivenda nos últimos cinco anos en Canido subiu máis dun 40%”

A socióloga é a autora do estudo no que se basea a moción que presentan as entidades de Canido a través do BNG e FeC
Celia Fernández, socióloga: “O prezo da vivenda nos últimos cinco anos en Canido subiu máis dun 40%”
Celia Fernández Alvariño este miércoles en el centro cívico de Canido | Daniel Alexandre

A socióloga Celia Fernández sinala que, xunto con Canido, hai outras catro zonas tensionadas en Ferrol.

 

Cal é a situación en Canido? 
Comezaron a chegar á AVV demandas e comentarios sobre a imposibilidade de atopar unhas rendas de aluguer asequibles para a meirande parte das persoas. Fixemos un pequeno estudo sobre os prezos e atopamos os informes dispoñibles no Observatorio da Vivenda de Galicia, organismo dependente do IGVS, nos que se di que Ferrol en xeral e Canido en particular son zonas que teñen características de tensionamento, é dicir, unha presión no parque residencial nos prezos do alugueiro. O que fixemos foi comparalo cos datos dos últimos cinco anos e vimos un aumento dun 41,6% das rendas, moi por riba dese 5% do IPC acumulado que marca a lei para falar de zonas tensionadas. 

Cales poden ser as causas dese tensionamento? 
No que ten que ver con Canido, a xentrificación, pero é certo tamén que hai escaseza ou ausencia de vivenda en alugueiro, o que está a producir un aumento das rendas das vivendas dispoñibles para o aluguer.

 

Diminuíu a oferta de vivenda en aluguer na zona ou é que non é capaz de dar resposta a un maior interese por residir no barrio? 
A realidade é que agora hai moi pouca vivenda dispoñible. Hai vivendas que poderían entrar no mercado do alugueiro que están baleiras... E as que si o están son poucas e cunhas rendas moi altas. Hai xente que quere vir vivir ao barrio, pero desiste da idea porque os alugueres para unha persoa que se independice ou para unha familia cun salario medio non é asumible.

 

Nesta situación, que papel xoga a proliferación de pisos turísticos que si se dá con claridade noutras zonas? 
En Canido non hai polo de agora un problema de turistificación, como explicou o concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, cando deu a charla hai uns meses. Aquí o que hai é máis un parque residencial escaso e moitas vivendas baleiras que non están postas no mercado.

 

No caso de que a moción saia adiante, que pode facer o Concello tendo en conta que a competencia en materia de vivenda é autonómica? 
Pode solicitar á Xunta esa declaración de zona tensionada facendo un estudo que xustifique a petición, aínda que o vemos difícil porque a postura da Xunta non é moi proclive a iso. Non sabemos se poderán aceptar algún dos puntos da moción. Non é só esta declaración, senón que tamén se pide un plan de medidas de choque, como axudar a aquelas familias nunha situación máis vulnerable ou facer un estudo para ver que está acontecendo. A moción céntrase en Canido, pero hai outras catro zonas de Ferrol que están nesa situación, segundo os informes do Observatorio. Non é un fenómeno exclusivo do barrio, aínda que si ten unhas características propias.

 

A promoción de vivenda pública é a solución? 
Poderiamos dicir que na nova lei de vivenda a declaración das zonas tensionadas é un parche que pretende amortiguar a situación, pero o dereito ao acceso á vivenda require dun debate máis amplo. Loxicamente, ter dispoñible máis vivenda de promoción pública sería unha das patas para solucionar o problema. Somos conscientes de que a lei ten efectos limitados, pero para o que está a acontecer hoxe é unha boa ferramenta. 

Celia Fernández, socióloga: “O prezo da vivenda nos últimos cinco anos en Canido subiu máis dun 40%”

Te puede interesar