O centro social Artábria dá o mellor de si co programa que propón para o mes de marzo

As citas contan con nomes destacados como Ane Lindane, Isabel Rei Samartim ou Quim Farinha
O centro social Artábria dá o mellor de si co programa que propón para o mes de marzo
As cómicas Ane Lindane e Raquel Torres ofrecerán o seu espectáculo “Despotorre” | TRAKING BILBAO

O programa mensual que propón a asociación cultural Artábria, en colaboración coa Deputación e o Concello de Ferrol, será un dos máis intensos grazas á decena de encontros de categoría que inclúe. O cartel estréase este mesmo venres, ás 20.00 horas, coa i­nauguración da exposición “A música galega ten nome de muller” e remata o domingo 30 co XXXV aniversario do falecemento de Carvalho Calero.


A mostra que abre esta semana, de Mario Martiño, está vinculada coa conmemoración do Día da Muller, que ten lugar ao día seguinte, 8M. Esta selección está composta por oito fotografías que capturan a mulleres representativas da escena musical galega da actualidade.


O propio sábado, os nomes femininos volverán ser os protagonistas, nesta ocasión coa co-organización da Marcha Mundial das Mulleres, que ese mesmo día, previamente, convoca a manifestación. Ao remate, a partir das 22.00 horas, o centro social acollerá a actuación da rapeira Nadie González, que encabeza un cartel no que tamén se inclúen as sesións musicais de Atómica DJ e Charmless DJ.


Unha das agrupacións que revolucionaron ao público da Foliada da Fonsagrada, que se celebrou o pasado mes de decembro, Mediarea, encargaranse dunha sesión vermú o domingo, a partir das 13.00 horas. Trátase dun concerto de música tradicional que se fusiona co concepto de foliada, polo que a organización anima aos asistentes a ir cargados cos seus propios instrumentos para colaborar na festa.


O seguinte encontro terá lugar o venres 14, ás 19.30, coa presentación literaria de Isabel Rei Samartim. O título protagonista será “Galizan Nation. Uma distopia Kpop”, unha obra sobre a que se conversará ao remate, no marco dunha nova sesión do club de lectura. A autora quedará para este encontro, que é de participación libre, co único requisito de ter lido o exemplar.


Continuando co mesmo eido, o martes 18 ás 20.00 horas, presentarase a obra “Mulleres na construción da nación galega”. Este acto contará coa presenza de Lucía Veciño e Margarida Corral.
 

A cita do venres 21 promete despois das cifras de venda de entradas, a única actividade do programa mensual que as precisa, obtidas nas primeiras horas dende que se anunciou. As cómicas vascas Ane Lindane e Raquel Torres fan unha parada na súa xira “Despotorre”, ás 22.00.
 

“Mestís” é o proxecto musical do arxentino Claudio H. Mestís, que se dará a coñecer o sábado 22, ás 22.00, coa compaña do violinista Quim Farinha e o percusionista Carlos Freire.
 

O venres 28, o catedrático de Historia Económica da UDC Luís Alonso Álvarez e o investigador Marcos Abalde ocuparanse dunha xornada divulgativa. O primeiro relator ofrecerá unha visión de contexto da implicación galega no comercio de persoas escravizadas e o segundo focalizará na figura de Ramón Plá, marqués de Amboage. No encontro falará do traballo que foi recoñecido co premio Ferro Caaveiro do Museo Etnográfico da Capela.


Para despedir o mes, o domingo 30, ás 12.30, celebrarase o acto en homenaxe a Carvalho Calero,  fronte á súa casa natal da rúa San Francisco. Loreto de Castro, María Xosé Martínez, Francisco Gil Vázquez e Antón Cortizas realizarán unha intervención poética e a música virá a cargo de Xoán Padín e Xoldaina. Ademais, falará Bruno L. Teixeiro, en representación da asociación, e realizarase unha ofrenda floral. 

O centro social Artábria dá o mellor de si co programa que propón para o mes de marzo

Te puede interesar