A concelleira de Turismo, Maica García, presentou esta mañá, xunto á delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o evento Pan de barco, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia xunto ao Concello.
Trátase dun evento que combinará a gastronomía co turismo industrial, da man de recoñecidos chefs de Ferrol que tamén asistiron á presentación: Dani López, de O Camiño do Inglés, Alex Martínez e Mar Lago, de Bacelo, e Adrián Pérez de Sinxelo.
O día 4 de decembro, de 19.00 a 21.00 horas no centro cultural Torrente Ballester, estes profesionais da gastronomía elaborarán receitas inspiradas nas culturas dos barcos que navegaron desde outros países ata a cidade departamental ao longo dos últimos tres séculos.
“Rescatáronse elaboracións doutras latitudes que, agora, se fusionan coa gastronomía galega, dando como resultado esta primeira edición de Pan de barco”, indicou García.
Así mesmo, fixo referencia ao nome desta proposta, cuxa historia é descoñecida para moitos. “O pan de barco é unha galleta mariñeira que foi una gran solución para as navegacións longas”, lembrou explicando que se trata dunha fariña de trigo dúas veces forneada- que, ao endurecerse, preserva a súa calidade durante moito tempo.
Pola súa banda, Martina Aneiros, destacou que esta iniciativa representa unha viaxe ao pasado, rescatando antigas receitas, pero tamén ao presente e ao futuro, xa que aposta pola creatividade. “A historia, innovación e diversidade pode convivir e complementarse”, asegurou.
Por último, en representación dos chefs participantes, Dani López, puxo de manifesto o potencial de Ferrol e a “recuperación de historias de persoas que estiveron aquí e ás que recibimos”. “A cociña é un dos xeitos máis bonitos de compartir e une culturas”, proseguiu, afirmando que Pan de barco “é un paso moi importante para promover o turismo de Ferrol”.
As persoas que desexen desfrutar desta proposta gastronómica deberán enviar un correo electrónico a pandebarco@gmail.com co seu nome, DNI e teléfono de contacto a partir do luns ás 09.00 horas. O aforo é de 50 prazas que serán outorgadas segundo orde de inscrición. Cómpre destacar que só se pode enviar un email por persoa.