“O soño da sultana” é o título da película de Isabel Herguera que se estreou o ano pasado, baseada na historia da escritora e activista bengalí Rokeya Sakhawat, que data de 1905. Trátase dunha coprodución con Alemania de maioría nacional, entre a que se atopan numerosos galegos como a ferrolá Chelo Loureiro. O filme foi nominado pola European Film Academy na sección de animación e esta semana tamén se coñeceu que opta á mellor película.
Esta é a primeira vez que unha obra española concorre en ambas clases, segundo indicou a produtora, que celebrou que “neste ano levamos percorridos con ela máis de 100 festivais internacionais”. Á marxe de múltiples nominacións como a dos Goya, a película acumula numerosos premios, entre os que se atopa o Contrechamp dos Annecy, “que é como o festival de Cannes para a animación”, precisou Chelo Loureiro, que valora a dimensión de lecer do cine mais tamén a súa capacidade de comunicar unha historia “a ser posible edificante”.
Neste senso encamíñase o filme da directora vasca Isabel Herguera, que nun inicio “quería facer un documental”, indicou a ferrolá, dada a profundidade do conto de Rokeya Sakhawat, que “é unha utopía feminista”, seguiu. “Ás veces en occidente pensamos que somos máis feministas que noutros países”, expresou a fundadora de Abano Producións sobre un dos trazos máis reveladores do filme, que dá a coñecer a esta autora á que “alí todo o mundo coñece”. Ademais da publicación extraordinaria polo contexto social de India no que se realizou, a figura da bengalí tamén trascendeu polo seu activismo, xa que “despois adicouse a montar escolas para nenas”, continuou.
A película “O soño da sultana”, guionizada pola mesma directora xunto con Gianmarco Serra levouse a cabo por medio da animación 2D, aínda que esta se realizou mediante distintas técnicas para diferenciar as tres historias vitais que aborda.
En primeiro lugar, trátase a traxectoria de Inés, alter ego de Herguera, que foi realizada con acuarelas. A vida da propia Rokeya Sakhawat, que invita a unha reflexión sobre a situación internacional do feminismo, tamén debía formar parte das imaxes, confeccionadas con recortables. Para rematar, a longametraxe encaixa “O soño da Sultana” de 1905, grazas aos deseños con pintura mehndi, tradicional de India, feitos por mulleres do lugar.