Citas terrorificamente divertidas para celebrar o Samaín na comarca

Citas terrorificamente divertidas para celebrar o Samaín na comarca
Imaxe do desfile das ánimas en Catabois correspondente á edición de 2019 | d.a.

A celebración do Samaín recupera este ano toda a súa forza logo do parón que supuxo a pandemia. Concellos, entidades sociais e culturais e colectivos veciñais citaranse coa “terrorífica” festa a través de variadas propostas que coincidirán ademais coa ponte festiva no ámbito escolar ao se celebrar o luns 31, víspera de Defuntos, o Día do Ensino.


Desfile en Catabois


O barrio de Catabois volverá ser un dos puntos de referencia do Samaín coa celebración da duodécima edición de “O Quilómetro do Terror”, impulsada desde a asociacion ECHO. Será o luns, a partir das 20.00 horas, con saída desde a zona anexa á rotonda do Marcide para chegar á Rúa Independencia. Carrozas, charangas e a banda Agarimo acompañarán ao “alcalde das ánimas” no percorrido.


Ata o venres estará aberto o prazo de inscrición para as comparsas e as persoas interesadas en participar caracterizadas para a ocasión. Haberá premios para as carrozas (500, 350 e 250 cataleuros); para os grupos (200 e 100 euros); na categoría individual senior e infantil, con 50 cataleuros en cada caso; e para o mellor decorado, coa mesma cantidade. Os cataleuros, lembran desde a organización, terán que ser gastados nos locais asociados.


O programa incluirá tamén un concurso de cabazas o propio luns. As persoas interesadas en participar terán que entregalas a partir das 17.00 horas na mesa instalada diante do PizzaBurguer Cristani (número 282). A máis orixinal e a máis horrorosa recibirán 20 cataleuros.


A Casa do Terror, que terá aberta as súas portas desde o sábado e ata o luns en horario de 19.30 a 22.30 horas (estará situada no baixo 250-252) completará o animado programa do barrio de Catabois, no que ademais os visitantes poderán degustar as orixinais receitas elaboradas para a ocasión polos establecementos colaboradores na cita.


AAVV San Pablo


A Asociación de Veciños San Pablo de Catabois organiza pola súa banda, o sábado, unha festa de “halloween”.


Será a partir das 17.00 horas, no seu local, e incluirá un magosto –con castañas a dous euros–, concurso de cabazas, inchables e música en vivo con Almudena Meijomil.


AAVV Mandiá


Na parroquia de Mandiá, a asociación veciñal ofrecerá o sábado ao público infantil o espectáculo “Aquelarre Chispum”. Terá lugar a partir das 18.00 horas no local da entidade e incluirá unha “chuche” terrorífica para os nenos e as nenas asistentes.


Esmelle


O 5 de novembro é a data elixida pola AVV Valle de Esmelle e a Asociación de Mulleres Río Daneiro para a celebración do magosto e do Samaín nesta parroquia ferrolá. Desenvolverase a Ruta de Merlín e haberá concurso de cabazas decoradas.


Narón


O Concello de Narón, pola súa banda, celebrará o Samaín cunha proxección de cine no Pazo da Cultura e cun completo programa de actividades e música na parroquia de San Mateo. A primeira das citas, organizada xunto co Cineclube Serie B, terá lugar este venres, ás 19.00 horas, e consistirá no pase da película “El libro de la vida”, de Jorge R. Gutiérrez (2014), dirixida a todos os públicos. Retirada de entradas na billeteira do Pazo.


O luns 31 a festa trasládase a San Mateo, cuxa agrupación veciñal organiza co Padroado da Cultura o Samaín de Trasancos, que reúne a centos de persoas. Desde as cinco da tarde haberá exposicións de cabazas, un obradoiro, o espectáculo de Pakolas e a tradicional Comitiva de Luces e Tebras, cun percorrido polas inmediacións. O obradoiro do medo e a música do grupo de gaitas do Padroado completarán a xornada lúdica.


AVV O Alto


A Asociación de Veciños do Alto do Castiñeiro ten previsto para o sábado unha festa infantil desde as cinco da tarde, na que ofrecerán moita diversión para os máis pequenos da casa.


Ortigueira


No Concello de Ortigueira, a Asociación de Comerciantes da vila colabora no programa que dará comezo o venres coa “Casa do Terror” no Centro San Roque (desde as 19.00 ás 22.30 horas). A actividade continuará o sábado, a partir das 16.30 horas, no Claustro do consistorio, con obradoiros de maquillaxe, e ás 18.30 horas coa representación de Teatro do Noroeste de “Animais de Compañía” no Teatro de Beneficencia. Haberá tamén un concurso de cabazas, con premios. A partir das 20.30 horas celebrarase o magosto na Praza Isabel II.


Cedeira


Obradoiros, espectáculos infantís, exposición de cabazas, unha merenda de outono e o tradicional pasarrúas das pantasmas polo casco vello darán forma ao programa deseñado polo Concello de Cedeira para celebrar o Samaín nas xornadas do venres e do sábado.


Pontedeume


Na vila eumesa, o Samaín comezará o venres, de 18.00 a 20.00 horas, co percorrido “Truco ou trato” con saída desde o Centro de Maiores. Na noite do sábado, os disfraces serán os protagonistas cunha nova iniciativa que xurde grazas á colaboración dos establecementos de hostalería, que avaliarán as caracterizacións máis terroríficas que visiten os seus locais.


O luns, o escenario trasládase á Alameda de Raxoi, coa festa infantil que dará comezo ás 17.30 horas. Desde as 20.30 horas, nos Xardíns de Lombardero, estará aberto “O pasadizo do terror da Árbore da Bruxa”, que se realizará en colaboración coas asociacións teatrais eumesas.


Neda


A Casa das Palmeiras será o sábado epicentro do Samaín en Neda. A partir das 18.30 horas, a veciñanza poderá participar coas súas cabazas nunha exposición colectiva con premios para os máis pequenos.


Ás 19.30 horas desenvolverase un percorrido na procura de lambetadas para concluir a xornada coa Senda das Ánimas polo casco histórico, guiada e con narracións incluídas. Será preciso inscribirse previamente na biblioteca municipal. Degustación de castañas asadas e o concerto de Los Zares completarán a xornada festiva.


Cariño


En Cariño, o Concello organizará o sábado o Samaín en colaboración coa Anpa A Basteira. A cita comezará con obradoiros e concurso de cabazas a partir das 16.30 horas.


No local social haberáe magosto e no calexón de Picos desenvolverase a actividade da Casa do Terror.


Fene


No Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, La Guagua será a encargada de animar a festa prevista para o domingo a partir das 17.30 horas. Entrada de balde para os nenos e de cinco euros para adultos non socios.


San Sadurniño


A Casa da Cultura acollerá o luns, desde as catro da tarde, variados obradoiros, merenda a base de chocolate con biscoito e, como remate, a colocación de cabazas pola contorna. Para participar hai que anotarse no 616 332 919 ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.


Valdoviño


Tamén o luns 31 é o día escollido por Valdoviño para citarse co Samaín, neste caso na contorna máxica da vella igrexa de Loira (a partir das 18.00 horas). Alí terá lugar o espectáculo de narración oral e musical “De cea cos defuntiños”, con Iseo A Moura.


Cerdido


Cerdido celebrará a cita o 6 de novembro no pavillón polideportivo con varias propostas. 

Citas terrorificamente divertidas para celebrar o Samaín na comarca

Te puede interesar