Sobre o escenario do Benidorm Fest, e acompañando ás poderosas Tanxugueiras –Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío– e ao percusionista Iago Pico, dous bailadores de danza tradicional galega achegaron un pedaciño do folclore da nosa terra a todos os espectadores do certame de selección para Eurovisión.
Eses dous homes son Fran Sieira e Artur Pastoriza, integrantes da compañía de danza dirixida polo primeiro. Hoxe, ámbolos dous actuarán sobre o escenario do Jofre (19.00 horas) xunto a outros seis membros do grupo, entre os que figura a propia Aida Tarrío. Daniel Rodríguez, André Adrio, Patricia Sánchez, Martín Mondragón e Adela Otero completan o elenco do espectáculo “DeMente”, obra na que o compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva pon a música.
Aida, ademais de bailar, cantará, e todos farán gozar ao público cunha peza que trata de plasmar a realidade das enfermidades da sáude mental, “das que tanto se fala hoxe en día e que levan moitos anos marxinadas”.
Así o salienta o propio Fran Sieira, para quen actuar no emblemático escenario ferrolán é un soño. “Estiven unha vez, cun espectáculo de Nova Galega de Danza que se chama ‘Son’, e me pareceu un dos teatros máis bonitos e espectaculares que ten Galicia. Para min era un reto levar a compañía alí e finalmente o conseguimos”.
Abrirán aquí a xira deste ano 2022, que xa ten datas pechadas en Santiago, Ames, Vigo, Vilalba e Carballo, polo de agora. “Nos fai moitísima ilusión comezar en Ferrol”, destaca o bailador. Anima ademais ao público ferrolán a coñecer á compañía, que neste caso terá en escena a tres dos seis integrantes do equipo do Benidorm Fest. “Penso que é unha aposta interesante e bonita de ver”, engade.
A súa inquedanza por dar un paso máis na súa carreira artística, logo de quince anos impartindo clases de baile e música tradicional e de formar parte de espectáculos de compañías profesionais galegas, levouno a crear a súa propia compañía en 2017.
Acompañado de Aida e de Xisco Feijóo, en abril de 2018 estreaban o primeiro espectáculo, “EntreSoños”. Unha peza, conta o propio creador, “un pouco autobiográfica, pois falaba dun bailarín que non sabe se dedicarse á danza, un mundo non moi doado, ou optar por un traballo máis común, e ao mellor máis cómodo, e non saír da túa zona de confort”.
“DeMente”, explica, é unha proposta “máis arriscada, con oito persoas en escena, e penso que para Galicia é tamén moi interesante que comecemos a apostar polo gran formato. A danza non son só solos e dúos, tamén se poden facer grandes cousas, e animo aos programadores a que aposten pola danza porque ten moito que contar en Galicia”.
Da experiencia do Benidorm Fest, di que é un pouco “indescriptible, porque non te esperas que unha canción en galego e unha posta en escena chegue a tanta xente, a tantos galegos e galegas pero tamén a tanta xente de fóra de Galicia que o sentiu como deles mesmos. A verdade é que o cariño do público sentímolo en todo momento”, di. Antes da participación na cita valenciana, tanto el como Artur e Xisco colaboraron xa con Tanxugueiras no videoclip do single Midas (2021) co que o trío de cantareiras e pandereteiras exploran a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas, con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica.
“Tanxugueiras arriscáronse a facer unha aposta moito máis actual da música tradicional e pensaron que sería moi bonito meter baile tradicional para equilibrar un pouco tradición e vangarda, e a verdade é que funcionou moi ben. Elas tiñan claro que querían levar tamén baile tradicional ao Benidorm Fest. Só fomos Artur e máis eu porque as bases do festival só permiten que haxa seis persoas en escena”, salienta Sieira. Esta tarde, a súa compañía, que leva tamén a linguaxe do baile tradicional a un marco máis contemporáneo, entregarase ao auditorio ferrolán para convidalo a gozar da danza mais tamén para lanzar un berro a prol da normalización na sociedade das enfermidades de saúde mental, para seguir loitando así contra este estigma. Entradas, 8 euros.