O Concello de Ferrol saca a concurso o alumeado de Nadal e de Entroido por 279.000 euros

O Concello de Ferrol saca a concurso o alumeado de Nadal e de Entroido por 279.000 euros
O alumeado de Nadal gaña atractivo nestas datas I E.C.

O Concello de Ferrol acaba de licitar o alumeado de Nadal e do Entroido para as dúas vindeiras campañas por un valor total de 279.000 euros, que se distribúen en dúas anualidades. Así, abrangue desde este mesmo decembro ata o Entroido de 2025.
O prego técnico explica que as condicións non difiren das habituais nos últimos anos. Hai unha parte da luz que é de propiedade municipal e outra que se contrata para as zonas de maior tradición comercial (A Magdalena, estrada de Castela, Catabois, Ultramar) e para as parroquias do rural. Non se detalla onde se ubicará o Belén (diante do pazo municipal ou na praza da Constitución) e engádense ás arcadas habituais outras dez que estean preparadas para necesidades sobrevidas. Ademais, especifícase que as luces de Entroido deben ter unha temática axeitada coa celebración.


O contrato inclúe a instalación e desinstalación dos elementos e detalla o horario no que o alumeado debe estar acendido. Tanto no Entroido como no Nadal funcionarán de seis da tarde ás dúas da mañá, coa excepción de datas sinaladas coma Noiteboa, Aninovo ou Reis, que estarán toda a noite.


Tamén se explican pormenorizadamente cantas arcadas ou decoración de elementos coma árbores deberán colocarse en cada rúa, con especial atención ás prazas, sobre todo en Nadal. Armas, España, Amboage, Cantón, Praza Vella e Cruceiro de Canido “ambientaranse con deseños especiais, tendo en conta que se tratan de actuacións emblemáticas de especial consideración”. Isto acontece tamén con Ultramar no Entroido.


O prego coas condicións técnicas e administrativas está publicado na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo límite para presentar as ofertas é o 4 de setembro.

O Concello de Ferrol saca a concurso o alumeado de Nadal e de Entroido por 279.000 euros

Te puede interesar