A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, xunto ao edil de Promoción Económica, David Pita, veñen de presentar xunto con María Yáñez, vogal da Asociación de Comerciantes de Narón, a “Campaña Nadal comercio de Narón”.
Un ano máis o consistorio organiza esta iniciativa en colaboraicón coa ACN para sortear catro cestas con produtos de Nadal; catro noites de hotel cunha noite de aloxamento, almorzo e circuíto de spa para dúas persoas; dous vales de 600 euros cada un e outros tantos por valor de 400 euros. “A través desta campaña queremos poñer en valor unha vez máis o gran potencial comercial da nosa cidade, cun sector moi profesionalizado que ofrece unha gran variedade de produtos de calidade e cun trato persoalizado coa clientela”, destacou Ferreiro.
Os comercios poden participar voluntariamente e de balde, debendo unicamente cumprir como requisitos os de ter localización física no termo municipal de Narón, colocar o cartaz da campaña nun lugar visible e cumprir as bases da convocatoria, que se poden consultar na web.
As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico á dirección: me.mendez@naron.es donde contactarán coas persoas interesadas para realizar os trámites de adhesión. Ata o 31 deste mes nos establecementos comerciais adheridos entregarán e selarán papeletas de participación á clientela polas súas compras, establecendo nos propios locais o importe mínimo da transacción para entregalas. Así mesmo, para poder participar nos sorteos como clientes é preciso que a papeleta teña os datos completos do participante e o selo de dous establecementos participantes na campaña. Cada semana elixirase por sorteo público un comercio ao que se desprazará persoal da organización para sortear unha cesta e outro no que se sorteará unha estancia nun hotel con spa. Os premios comunicaranse telefonicamente aos gañadores e o acto de entrega dos mesmos terá lugar no Concello, en datas das que se informará previamente.
Entre outras cousas, do 17 ao 30 de decembro –agás os días 24 e 25– estará de novo operativo o Navitren durante oito horas ao día. Polas mañás realizará un percorrido entre o Concello e Xuvia e polas tardes dende o Concello ata A Gándara. Os tickets do Navitren entregaranse nos comercios da Asociación de Comerciantes de Narón e tamén se poden adquirir nunha caseta que se instalará nas inmediacións da estrada de Castela, á altura da Casa do Concello, dende onde sairá este tren do Nadal naronés ás horas en punto. Un elfo e un contacontos viaxarán tamén nel para amenizar o percorrido ás nenas e nenos que se animen a facer as viaxes. Dende o Concello, tal e como apuntou o edil de Promoción Económica David Pita, entregouse tamén aos establecementos adheridos á campaña papel para poder envolver os agasallos destas datas que conta cun deseño promocional do comercio de Narón.