A Federación Comarcal de Anpas de Centros Públicos de Ferrolterra –Feanpas– concentráronse durante a tarde de onte, fronte ao edificio da Xunta, para reivindicar os problemas que observan nas matrículas deste curso. Ademais, o acto aproveitouse para entregar as preto de 5.500 sinaturas que recolleron as afiliadas das escolas do entorno rural.
A problemática parte do caso do CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, único centro na Capela, que reuniu a maior cantidade de firmas e que segundo Jaime Acuña, secretario da Feanpas, está obrigado a realizar un baremo. “Estamos falando de dous nenos que quedaron fóra, dúas familias que levan meses sen saber se van ser acollidos no centro”, declara Acuña, que advirte da resposta da Xunta na que aseguran que estas prazas están garantidas e de estar no certo, cuestiona o motivo de baremar.
Por outro lado, a reclamación vén por parte dalgúns centros con máis matriculacións que prazas e “o que reivindican é poder ampliar e acoller a ese alumnado”. En concreto son os CEIP A Laxe, de Valón, e Os Casais, de Fene, aínda que “tamén está nunha situación parecida o CPI de Atios en Valdoviño e probablemente algún máis, que polos motivos que sexan decidiron non manifestarse”, sinala Acuña.
Os centros din que teñen instalacións suficientes, que “poden perder aulas pero non lles deixan medrar”, indica Acuña, que ve esta eiva extendida no tempo.