A Concellaría de Cultura de Ares vén de informar da apertura de recepción de obras para o XV Manuel Rebón, o concurso de pintura organizado xunto ao CIRS de Cervás. As persoas interesadas poderán depositar os cadros que concorrerán no certame, dende hoxe e ata o venres día 9, no propio Local Social do CIRS, en horario de luns a venres, de 19.00 a 21.00 horas, e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e 19.00 a 21.00.
As obras, de temática libre e realizadas con técnica de óleo ou acrílico, deberán contar cun tamaño próximo aos 110x110 centímetros, contando co propio marco da composición. Os cadros deberán estar xa enmarcados ou acondicionados para a súa exposición posterior, é dicir, rematadas polos bordos.
Logo da recepción de obras, o xurado, composto por persoas vencelladas co eido cultural da vila, desvelarán o fallo o martes, 13 de setembro. Para o primeiro premio entregaranse 1.400 euros; 500 euros para o mellor pintor local e, logo, 300 euros divididos en dous accésits, de 150 cada un.
Finalmente, a exposición coas obras presentadas abrirase do 15 ao 25 deste mes nas propias instalacións do CIRS.