Este ano volve o “Cóntamo ti” do Ciclo Cultura Democrática ao centro cívico de Canido, nesta ocasión dando visibilidade ao movemento #defendeagalega. A primeira sesión, que terá lugar mañá xoves ás 19.30 horas, contará co protagonismo dos xornalistas Raquel Lema e Alfonso Hermida.
No encontro darase a coñecer a loita á que se enfronta o persoal da CRTVG dende o ano 2018, cando se iniciaron as primeiras protestas baixo o nome dos “venres negros” (#VenresNegro). A través destes lemas, o colectivo denuncia situacións de manipulación, censura e de empregar os medios de comunciación públicos para divulgar propaganda do partido do goberno. Precisamente o ano pasado, cando se comezou unha folga indefinida, agravouse esta situación pola externalización da produción de programas e contidos.
Tras o anterior “Cóntamo ti” en 2023, que se propuxo co obxectivo de coñecer aos candidatos á alcaldía, esta vez os contidos xirarán arredor do papel determinante dos medios de comunicación para garantir a saúde democrática, especialmente ao tratarse dos de carácter público.
Os primeiros relatores serán os xornalistas da TVG Alfonso Hermida, en excedencia, que no 2004 recibiu o premio Mestre Mateo, ademais de traballar en Élide Comunicación; e Raquel Lema, presidenta do comité intercentros da CRTVG. Trátase dun encontro organizado pola Asociación Veciñal de Canido en colaboración con Muíño do Vento, Rádio Filispim e o Concello de Ferrol.