Despedida aos enfermeiros que remataron as súas prácticas na Área Sanitaria

25 dos 34 alumnos que fixeron as prácticas seguirán vinculados a esta Área por medio dun contrato laboral
Despedida aos enfermeiros que remataron as súas prácticas na Área Sanitaria
Foto dos estudantes de Enfermaría de último curso cos seus titores e persoal do CHUF

Onte tamén se despedían ós 34 alumnos de cuarto curso do Grao de Enfermaría tanto da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol como de Santiago de Compostela, que fixeron o “practicum” na Área Sanitaria. O evento tivo lugar no salón de actos do Marcide. No encontro estiveron arroupados por cadanseu titor que, de xeito individualizado, supervisa o traballo do alumnado.  “Este aspecto é unha peculiaridade da formación da Enfermaría nesta Área: a monitorización de cada un destes alumnos e alumnas por parte de profesionais que desenvolven o seu labor aquí”, como precisaron. Este seguimento, subliñan, “aumenta a calidade na atención e a seguridade do paciente ó darlle continuidade na súa atención”. Deste xeito, xa coñecen os espazos nos que desenvolverán o seu labor se así o desexan; de feito, ofrecéuselles continuidade no eido laboral, e xa confirmaron que traballarán nesta Área en torno a 25 das 34 persoas que rematan. 


A supervisora de Formación Continuada, Marisa Fraga Sampedro, explicou que “todo isto non sería posible sen o papel das e dos titores e supervisores, que dun xeito altruísta  adícanlles a súa atención, tempo e experiencia, dun xeito moi xeneroso. Estes titores, ademais, están en constante actualización dos seus coñecementos para dar resposta ó alumnado ante posibles dúbidas”. A profesional engadiu que, “é unha tarefa que os titores asumen cunha enorme profesionalidade e responsabilidade”.


O alumnado de cuarto curso do grao de Enfermaría realiza unha rotación durante os primeiros meses de curso, no ámbito pediátrico, maternal, de atención primaria, e de críticos. A partir de febreiro, inician o seu “practicum”, e, neste caso, realízano en distintas áreas de hospitalización médico cirúrxicas (Medicina Interna, Uroloxía, Tocoloxía, Cirurxía, Traumatoloxía, entre outras) e nos servizos de críticos (urxencias, Reanimación e Unidade de Coidados Intensivos). Seguen os mesmos horarios e quendas do seu titor correspondente, polo que a súa formación está vencellada claramente a actividade asistencial. Este practicum desenvolvese dende o 2012, e ten unha duración de 480 horas en total.


No encontro estaban presentes a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López; a decana da Facultade de Enfermaría, Enma Rodríguez Maseda; a subdirectora de Enfermaría da Área, Pilar Oceja Gómez; a directora de Procesos de Soporte da Área, Soledad Brage Gómez; e o xefe de estudos e Presidente do Comité de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López de los Reyes. Todos puxeron en valor o papel dos e das titoras e felicitaron a todo o alumnado.

Despedida aos enfermeiros que remataron as súas prácticas na Área Sanitaria

Te puede interesar