Dez persoas ao día pasan pola unidade de Linfedema da Área Sanitaria local

Onte celebrouse o Día Mundial do Lifedema, un problema que cursa con acumulación de líquido linfático
Dez persoas ao día pasan pola unidade de Linfedema da Área Sanitaria local
Noelia Bouza é unha das fisioterapeutas que tratan o lifedema

Unha media de dez persoas ao día, de luns a venres, pasan pola consulta específica sobre Linfedema no Servizo de Medicina Física e Rehabilitación do Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Onte foi o Día Mundial desta patoloxía crónica, e unha das fisioterapeutas que se ocupa da mesma, Noelia Bouza Cartelle, explicou como se produce a atención. 


O linfedema é unha acumulación de líquido linfático que implica aumento de volume na zona afectada. “A linfa está por todo o corpo, polo que pode implicar a distintas partes, como o abdome, por exemplo, pero o que máis vemos é afectación de membros superiores (brazos) ou inferiores (perna e pé)”, indica.


As persoas que acoden a este ámbito son na súa maior parte pacientes oncolóxicos, aproximadamente un 70%, que teñen sido sometidos a unha linfadenectomía ou extirpación dos ganglios linfáticos, como pode ser por mor dun cancro de mama, de próstata, de colon ou melanoma. Pero tamén hai pacientes non oncolóxicos, que teñen pasado por unha cirurxía traumática ou de varices, por exemplo, ou con enfermidades conxénitas e que contan con menos ganglios linfáticos.

 


Consulta accesible 
 

Estes pacientes son derivados dende o centro de saúde ou das especialidades hospitalarias ao Servizo de Medicina Física e Rehabilitación, onde se inclúen xa nesta consulta específica que é atendida pola facultativa Arantxa Ruiz Castillo, integrada como médico especialista en Medicina Física e Rehabilitación no Comité de Mama dende hai anos. 

 

Trátase dun grupo multidisciplinar que se ocupa da valoración e atención específica dos pacientes con esta patoloxía. Nel están tamén profesionais doutras disciplinas como cirurxía, oncoloxía, anatomía patolóxica ou radioloxía. Realízase valoración individual de cada paciente dende a etapa precirúrxica, axustando as medidas específicas que precise e as diferentes terapias. “Dende o punto de vista rehabilitador existe unha perfecta coordinación entre esta consulta e as terapeutas Noelia Bouza Cartelle e Eva Figueroa Martínez. A partir de aí, aplícase o tratamento en cada paciente segundo o protocolo de linfedema e de forma individualizada para cada paciente”, explican dende o Servizo.


Nesa liña, Noelia Bouza asegura que “os tratamentos son longos. Teñen que vir unha media de mes ou mes e medio, tódolos días de luns a venres, a sesións de entre 45 minutos e unha hora”. Na consulta, sométense a terapia desconxestiva con presoterapia, drenaxe linfático e vendaxe multicapa, ata conseguir diminuír o edema. O seguinte paso é preparar as prendas compresivas que seguirán a eses primeiros chanzos, e que levarán consigo tralo remate do tratamento. “É unha patoloxía que non ten cura, é crónica, pero ten tratamento, e se se seguen as pautas de coidado e control, pódese mellorar moito”, precisa. Neste senso, subliña que os pacientes teñen liña directa co Servizo de Rehabilitación, xa que se fai un seguimento e facilítanse unhas directrices para contactar se as cousas cambian no seu estado.


Esta fisioterapeuta considera que cada vez tanto os profesionais como os pacientes saben máis ao respecto, e que derivan antes dun xeito precoz, o que favorece moito o diagnóstico e pronóstico. Este é un dos cambios ou melloras que se teñen producido nos últimos anos, xunto coa introdución da actividade física, cando antes se lles restrinxía.


A consulta específica de Linfedema comezou a súa andaina no ano 2006. Co inicio do tratamento do cancro de mama con linfadenectomía aumentaron os casos e a necesidade de atención. Asimesmo, no 2011, incorporábase a Escola de Pacientes, de educación sanitaria previa, na que as persoas que van ser sometidas a unha cirurxía coñecen precozmente as afectacións para poder enfrontarse a ela de xeito máis prematuro.

 

 Actualmente, estas xuntanzas previas prodúcense no eido do preoperatorio de cancro de mama, e tamén no postoperatorio e radioterapia, con pacientes valorados no ámbito do Comité de Mama co que conta o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. 

 

Dez persoas ao día pasan pola unidade de Linfedema da Área Sanitaria local

Te puede interesar