Xosé Vizoso, debuxante e muralista coñecido tamén polos seus traballos en Sargadelos, será o autor homenaxeado este ano polo Día da Ilustración, unha celebración á que se suma o Club de Prensa de Ferrol coa convocatoria de dúas actividades divulgativas. A primeira terá lugar o xoves da man do artista, profesor e ex concelleiro de Cultura Suso Basterrechea, e o venres estará protagonizada pola ceramista e directora do museo Pérez Porto, en Esmelle, Carme Romero.
“Unha visión de contexto sobre Camilo Díaz Baliño, Máximo Ramos e novos retos na ilustración de hoxe” é o título da ponencia que impartirá Basterrechea no centro cultural Torrente Ballester, ás 19.00 horas. Por esta denominación, o público pode agardar coñecer a “dous dos grandes referentes históricos da ilustración en Galicia e por suposto, de orixe ferrolá”.
Tal como sinalou o ponente, este aproximarase ás figuras de Díaz Baliño e Ramos atendendo á súa relación cos movementos internacionais da arte e da ilustración en concreto. Sobre esta especialidade focalizarase na sesión, alumeando a súa situación actual e o seu importante papel, sempre tratando de ofrecer un encontro “ameno” e especialmente, desbotando esa “visión illada da cultura na cidade” ao contextualizarse co resto do mundo.
Ademais, os dous creadores sobre os que se conversará achegáronse en grande medida ao modernismo, “un estilo que foi bastante denostado nalgún momento”, relatou Suso Basterrechea, e que actualmente continúa vixente nas xeracións novas. Do mesmo xeito, “eran artistas que procuraban estar no seu tempo”, continúa, en relación á implicación que adoita ter a ilustración, que “unha das virtudes que ten, é que normalmente se dirixe ao conxunto da sociedade”.
Esta dimensión da especialidade artística tamén foi destacada por Carme Romero, que se ocupará, o venres ás 17.00 horas no museo de Pérez Porto de Esmelle, da “Demostración de como se leva a cabo a Ilustración dunha peza de cerámica para agasallar a Xosé Vizoso”. Con esta nomenclatura revélanse algunhas claves da iniciativa, pola que o Club de Prensa entregará ao homenaxeado unha placa cunha ilustración del, elaborada pola ceramista na súa disciplina.
Así mesmo, a profesional ensinará como se realiza unha ilustración en cerámica, xa que require dun método completamente diferente ao do papel, que é idéntico a “como se podía facer hai 100 anos”, destacou. Romero explicou que o proceso comeza realizando un debuxo con papel calco sobre o material, que despois deberá ser pintado con lápis “porque o grafito é o que vai conter o esmalte”, algo imprescindible tamén para que as cores non se mesturen, en particular en obras como as de Vizoso, compostas de múltiples fragmentos.
Este proceso levarase a cabo a partir doutra obra distinta á que se agasallará, que xa está preparada, polo que a ceramista empregará para a explicación unha creación súa, na que se advirte ese trazo distintivo no que a ilustración conecta coa sociedade ao incluír un contido ou mensaxe.
A artista achegará o seu deseño orixinal dunhas cantareiras, referenciando a homenaxe das Letras Galegas deste ano, que transferirá a unha plaqueta cerámica. Cunha superficie a medio esmaltar, relatará a dificultade de poñer cor a este material, xa que “por exemplo, o azul cobalto é lila cando o pintas, antes de cocelo”.
“El pinta ceramicamente”, declarou Carme Romero sobre Vizoso, quizáis debido á súa experiencia en Sargadelos, xa que “a cerámica sempre ten que ter liñas nas que podas depositar o esmalte”, unha pegada característica da súa obra. No contido, esta destaca pola representación da imaxinería e a cultura galega.
As dúas actividades organizadas en homenaxe a Xosé Vizoso tamén contarán coa participación do artista e escritor membro do Club de Prensa Xoán Rubia, e da historiadora e directora de publicacións do colectivo Esperanza Piñeiro de San Miguel.