“Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega”, escribira Rosalía de Castro no 1863 e, máis de 160 anos despois, volve honrarse a esta poeta e novelista que defendeu, de xeito precursor, o idioma como lingua culta, amais de ser unha figura revolucionaria noutros eidos. Así, a actividade programada nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal non podía esquecer a data do domingo, que conmemora o nacemento desta escritora, cuxo legado continúa vixente na sociedade actual.
No concello de Ferrol están previstas actividades variadas da man de distintas entidades. En primeiro lugar, a biblioteca municipal acollerá hoxe venres, ás 11.00 horas, unha sesión particular para a que será preciso levar esteira ou toalla. Vera Muller Raíz encargarase da cita “Achégate dende a calma a Rosalía de Castro: reláxate, escoita e desfruta”, con entrada libre até completar o aforo máximo de 15 persoas.
A Sociedade Cultural Medulio propón o espectáculo musical baseado na obra da homenaxeada “Celebrando Rosalía de Castro”, mañá sábado ás 18.00 horas na capela do Torrente Ballester. No encontro participarán as voces de Emma López Laudenbach e Xoam Padim, acompañadas das súas guitarras, así como Nélida Santiago Sánchez, tamén co violín.
O colectivo feminista Pogo de Senhoras convoca unha sesión vermú edición “rosaliana”, da man de Atómica DJ, mañá sábado a partir das 13.00, no centro social Artábria. Desde a organización animan a levar unha camisola para customizar coa temática nun obradoiro “improvisado”. Ademais, como petisco haberá caldo de gloria, como aquel que lle “soupo que la mar” a Rosalía no “Miña casiña, meu lar”.
A Escola Oficial de Idiomas de Ferrol tamén quere celebrar a data, achegándose até a súa biblioteca, onde xa están preparados unha serie de recunchos, nos que se alenta, por exemplo, a levar prestado un libro ou coller un poema na lingua que estude.
Tras a primeira proposta do Concello de Ares, un obradoiro infantil que tivo lugar onte na biblioteca municipal, a seguinte convocatoria desenvolverase o luns, a partir das 18.00 horas, na Alianza Aresana. Por medio da voz, pandeireta e guitarra de María Faltri, os asistentes poderán lembrar a obra da precursora do Rexurdimento no seu espectáculo “Os Cantares de Rosalía”, para público familiar.
A Escola Laica acollerá a partir das 11.00 horas do domingo un acto aberto á cidadanía na que haberá unha actuación musical, unha proxección e diversas lecturas sobre a súa vida e obra.
Esta tarde de venres, ás 18.30, no salón de actos da Casa da Cultura de Fene estará aberta a entrada ao obradoiro musical “Rosalía Cantareira”, protagonizado por Jara Ortiz, cantante, compositora, percusionista e mestra de música tradicional cun longo percorrido no mundo dos concertos didácticos.
Na sesión non só se escoitarán cantigas baseadas nos poemas da autora, senón que tamén se ensinará a orixe dos distintos ritmos da música tradicional. Desde a área de Cultura anímase a celebrar a homenaxe agasallando un libro en lingua galega cunha flor e, ademais, todos os asistentes recibirán un marcapáxinas dedicado a Rosalía.
O recital da poeta e xornalista eumesa Eva Veiga, co título “De nome Rosalía”, comezará ás 19.30 horas no local de maiores de Mugardos, rematando cuns petiscos e caldo de gloria. A Asociación Cultural Apelón Educación tamén convoca outra actividade o propio domingo, a partir das 11.30 no mural da homenaxeada que adorna a parede do estanco, animando ao público a achegarse a escribir un verso. E novamente, dende as 12.30, a organización cambiará os rotuladores polo caldo.
Ademais da mostra obras que focalizan nesta figura, a biblioteca municipal naronesa acollerá o espectáculo “Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos”, mañá sábado ás 11.00 horas. A cita, a cargo de Caxoto, precisa inscrición previa, de xeito presencial ou no 981 382 173.
O cartel organizado polo Concello de Neda na biblioteca municipal inaugurouse onte co obradoiro “E Rosalía quen vén sendo?” e continuará hoxe venres, ás 18.30 horas, con “Unha tarde con Rosalía”, que consistirá nunha lectura colectiva de poemas da autora.
“Historias soñadas” é o espectáculo para público familiar de Trémola Teatro, inspirada na vida e obra da autora, que se exhibirá mañá sábado ás 12.00. O domingo, a iniciativa “Pan e poesía” levará aos fogares un poema coa compra do pan en fornos locais.
Os fondos da biblioteca sobre a autora atópanse no recibidor da Casa da Cultura de San Sadurniño co obxectivo de animar á veciñanza a coñecer a vixencia das súas mensaxes. Así mesmo, pode servir de inspiración para o concurso de ilustración que convoca o Concello con dúas categorías, para menores de 12 anos e a partir dos 13. Os orixinais poden entregarse tanto na Casa da Cultura como polo correo bbliosansa@hotmail.com, dende o domingo até o vindeiro luns 3 de marzo.
O mural que comezou o sábado pasado Manuel Carballeira na Frouxeira, autor das outras dúas obras da praia pequena “Rosalía surfeira” e “Rosalía feita verso”, está previsto que poida verse este domingo, cando o artista desvelará a súa idea orixinal.
A praza Rosalía de Castro será o escenario da homenaxe institucional do Concello de Pontedeume, o luns ás 18.30, no que participarán Airiños do Eume e Lara do Pazo con Rafa Fernández, nunha actuación poético-musical.
O caldo de gloria será o protagonista do evento que organiza a biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco de As Pontes, o domingo ás 12.30 horas na asociación veciñal A Choupana. A esta degustación que se estendeu como forma de homenaxe sumarase tamén un recitado de poemas da célebre autora.
Un total de sete establecementos hosteleiros do concello de Ortigueira ofrecerán outra cata do caldo de gloria o domingo. Da mesma maneira, o prato levarase ao CEIP José María Lage, a Aspromor e á residencia de persoas maiores Dolores Díaz de Dávila durante a semana que vén.