Diagnostícanse máis dun cento de cancros de pulmón ao ano na área

O Hospital Naval acolleu un encontro anual de oncoloxía que contou coa presencia do conselleiro
Diagnostícanse máis dun cento de cancros de pulmón ao ano na área
Un momento das xornadas co conselleiro Antonio Gómez Caamaño | Jorge Meis

O Hospital Naval de Ferrol acolleu este venres un dos encontros do Grupo Galego de Cancro de Pulmón, concretamente a XXIV edición desta reunión que congregou no centro hospitalario a 70 expertos na materia, é dicir, a enfermidade metastásica a sistema nervioso central no cancro de pulmón, e os seus retos diagnósticos e terapéuticos actuais e futuros, cuestións que se abordaron neste encontro anual.
 

Este grupo de traballo oncolóxico é o máis antigo de Galicia, e a xuntanza está coordinada en Ferrol polo oncólogo da Área Sanitaira, Javier Afonso Afonso. No momento da inauguración contouse coa presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Tamén estivo presente a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente.


Apuntan desde a organización que a enfermidade metastásica do cancro de pulmón a sistema nervioso central “é un problema frecuente que se ve no 30% dos casos de cancro de pulmón e nalgúns subtipos de cancro de pulmón pode aparecer ata nun 60% dos casos”, explica o oncólogo Javier Afonso. Esta complicación repercute negativamente no paciente, continúa, de aí a importancia de xornadas como esta cun enfoque multidisciplinar e que axuden a procurar un diagnóstico precoz das mesmas.

B150021 20014506
Jorge Meis

O profesional explica que na actualidade contan “con novas técnicas e ferramentas diagnósticas que se están a actualizar constantemente para mellorar as expectativas dos pacientes e coas que non contabamos hai quince anos”, afirma Afonso. 


Na Área Sanitaria de Ferrol, diagnostícanse uns 110 novos casos de cancro de pulmón ao ano, o que implica que 40 pacientes poden ser doentes desta enfermidade metastásica que se abordou onte. “Hai subtipos que teñen máis posibilidades de desenvolvelo, polo que hai que incidir no diagnóstico precoz neses casos”, subliña este profesional.


Enfoque multidisciplinar


No encontro contouse con tres mesas que abordaron xeneralidades e diversos casos e tratamentos segundo os pacientes por parte de profesionais especializados de toda Galicia. Non só estiveron oncólogos, médicos e radioterápicos, senón tamén radiólogos e neurociruxiáns, entre outros.


Destacou especialmente a conferencia maxistral de Ernest Nadal, xefe de sección de tumores torácicos do Instituto Catalán de Oncoloxía, do Hospital Durán i Reynals, en Barcelona, sobre os retos actuais e futuros no diagnóstico e tratamento das metástases a sistema nervioso central en cancro de pulmón. 

 

O oncólogo da Área, Javier Afonso, destaca que é unha autoridade nacional neste escenario, con gran cantidade de liñas abertas de investigación e publicacións ao respecto. Houbo tamén unha mesa de profesionais residentes con casos clínicos en pacientes con estas características.

B150028 20020545
Jorge Meis

Afonso volve recordar un dato clave para a prevención cando se fala da cuestión central deste grupo de traballo. “O cancro de pulmón ten moita relación co tabaco: o 95% dos casos se relacionan co hábito tabáquico e, se non existira o tabaco, o cancro de pulmón sería anecdótico”, explica este profesional, que se amosou contundente con esta afirmación cando se refire ao que se pode facer preventivamente para evitar este tipo de cancros.


Pola súa parte, o conselleiro subliñou que Galicia non só mellorou a detección do cancro de pulmón, senón que impulsa terapias individualizadas, máis acordes ás necesidades de cada paciente.  Tamén destacou a importancia de reunir a expertos na disciplina oncolóxica. 

 

Os crónicos poderán facer uso da autocita para vacinarse

 

A Xunta de Galicia vén de habilitar a opción da autocita para que poidan escoller vacinarse da gripe e da covid en grandes recintos aquelas persoas con patoloxías crónicas e en situación de inmunosupresión, as mulleres embarazadas, os traballadores de servizos esenciais, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios que estean pendentes de vacinar e aos convivintes de persoas pertencentes a grupos de alto risco. 

 

Así, desde o vindeiro xoves, as persoas de entre 12 e 59 anos poderán solicitar a cita a través de web do Sergas ou da aplicación Sergas Móbil. Mentres, a veciñanza de entre 79 e 60 anos segue vacinándose en FIMO de luns a sábado, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 21.00 horas.

Diagnostícanse máis dun cento de cancros de pulmón ao ano na área

Te puede interesar