“Dique” é o título da coprodución de Nova Galega de Danza co Centro Coreográfico Galego que se ofrecerá na cidade o domingo 25 deste mes. A peza inspírase na historia da obra de enxeñaría hidráulica máis importante do século XIX a nivel mundial, que se atopa no Arsenal de Ferrol e aínda continúa en funcionamento.
A presentación de onte en Exponav contou coa intervención do director da compañía, o ferrolán Jaime Pablo Díaz, que destacou a imprescindible decisión de que o elenco fora exclusivamente feminino. “Era algo moi importante que tiñamos que contar, sobre todo por esas 200 mulleres que fixeron unha asociación hai 150 anos para poder traballar”, explica o responsable.
Trátase dun relato que foi invisibilizado nas memorias sobre o Dique da Campá e que, tal e como anunciou o director de Nova Galega, estrearase no propio espazo do Arsenal. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, que tamén participou no acto, puxo énfase neste acontecemento, como unha oportunidade para veciños e visitantes de coñecer o Arsenal dende dentro, amais da obra de enxeñaría protagonista.
No discurso de María Quintiana, directora xeral de Promoción e Igualdade, resaltou a súa impresión sobre a peza, que puido ver na estrea absoluta no Salón Teatro de Compostela. “Disfrutei do inmenso talento, emoción e forza que había nese escenario e que impregnaba a toda a sala”, expresou Quintiana. Así mesmo, a directora xeral de Promoción e Igualdade detallou todos os nomes e apelidos das mulleres que forman parte de “Dique”, dende todo o equipo directivo e técnico, até as bailarinas que suben ao escenario. Deste xeito, deu conta da pertinencia de citar a todas estas protagonistas como forma de loitar coa invisibilización histórica.
Ademais de Arán López, concelleiro de Marca Ferrol, que deu a benvida ao acto de presentación, tamén participou no encontro o axudante maior do Arsenal de Ferrol, Miguel López. Este cargo tomou parte na sesión debido ao necesario acordo entre a armada e o Concello para a consecución desta iniciativa. “Es un placer, como años anteriores, seguir colaborando con el ayuntamiento, con una pieza en honor a un trabajo muy importante que se ha realizado en el pueblo de Ferrol en uno de los sitios más emblemáticos de nuestro Arsenal”, indicou López.
O axudante maior tamén informou do “tamaño impresionante” que presenta o Dique da Campá, ao que poderase acudir para a estrea, con 30 metros de largo e outros de ancho, así como arredor dunha ducia de profundidade. Trátase dun impoñente escenario para disfrutar dunha peza histórica para a cidade.
O Dique da Campá, no que se poderá disfrutar da propia función e que este ano cumpre o seu 150 aniversario do seu levantamento, foi construido ao longo de cinco anos, entre 1874 e 1879, nos que traballaron as estibadoras. Neste período, estas mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos, que levaban sobre as súas cabezas. As contas delatan que cada unha destas obreiras, que ademais percibían un salario menor que o dos seus compañeiros homes, carrexarían arredor de 58.000 destes recipientes.