“É unha milagre que unha película así, de guerrilla e artesanal, poida estar nos cines”

“É unha milagre que unha película así, de guerrilla e artesanal, poida estar nos cines”
Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós no espazo reservado para Banksy | e. cortizas

Son días de intensa actividade para Carlos A. Quirós, director da película “Bienvenido Mr. Banksy”. É o normal cando se aproxima a data da estrea de calquera filme, máis aínda cando o equipo creativo é quen asume tamén a distribución da cinta. É martes. Pasan das oito e media da tarde e o realizador ferrolá desprázase a Viveiro para levar, el mesmo, a película á sala da vila onde será proxectada o sábado e o domingo. Mañá poderá verse en Ferrol (Dúplex), A Coruña e Vilagarcía e a vindeira semana chegará a Carballo, Lugo e Compostela. Cidades como Vigo., A Estrada, Ponferrada ou Caldas de Reis figuran xa no calendario de proxección dun filme que vén de viaxar por diferentes festivais, algúns internacionais.


Agora chega ás salas de cine nun fito que o director cualifica como “milagre” tendo en conta que “é unha película pequena, de guerrilla e moi artesanal, feita por cinco persoas”. Esas persoas son o propio Quirós, Cristina Esteiro –a súa socia en Cuerda Floja–, Gabriel Prada (música), Antón Varela (coguionista) e Eduardo Hermida, impulsor do festival das Meninas de Canido no que se inspira a peza e convertido no narrador principal da historia. Un relato que ten como punto de partida a famosa campaña, con repercusión mundial, lanzada en 2017 na que se facía un chamamento ao mediático Banksy para participar no devandito festival.


Este referente do arte urbán actúa así como “cebo” dun proxecto que Quirós define “como unha comedia cunha importante dose de crítica social; ten esa crítica do mercadeo da arte, da cal asumimos que somos partícipes, a través dese xeito de ‘empregar’ a Banksy”, que lle dá mesmo o título á película, “aínda que non vaia precisamente sobre este artista urbano”. Gravada durante catro edicións do festival, de 2017 a 2021, o que permite ver a transformación do barrio nese período e a dimensión cada vez maior que foi adquirindo o encontro artístico. “Eu penso que a película é un impulso tamén para o propio festival, porque se pode ver en lugares nos que pode actuar como boa publicidade para xente que aínda non o coñece”, di. Cando Quirós e Esteiro se enteraron da campaña lanzada para tentar traer a Banksy ás Meninas, “a intuición levounos a pensar que aí había unha historia. Entón decidimos comezar a gravar e é cando descubrimos a Edu Hermida e todos os acontecementos que lle van pasando. Eu sempre digo que é a película que Edu Hermida nos entregou. Se ben nós tivemos esa intuición de ver que aí había unha historia, el nos entregou unha película coa súa personalidade”.


A peza, cen por cen ferrolana, ten tamén na música dos créditos un tema moi local, “Ferrol está ardiendo”, de Quant. Porque a cidade é a principal fonte de inspiración de Quirós. “Sempre me repito, pero para min, Ferrol, sempre é un personaxe máis e estou moi satisfeito de contar a miña cidade”, conclúe. 

“É unha milagre que unha película así, de guerrilla e artesanal, poida estar nos cines”

Te puede interesar