Eduardo Fra: “Temos que ter a autoestima de saber que esta cidade naceu para algo importante”

Mesa redonda sobre Ferrol e a Ilustración na Biblioteca Central mañá xoves
Eduardo Fra: “Temos que ter a autoestima de saber que esta cidade naceu para algo importante”
Fra Molinero, nunha foto de arquivo I Jorge Meis

Co título de “A Ilustración e a súa pegada en Ferrol” celébrase mañá xoves –19.30 horas– na Biblioteca Central unha mesa redonda na que intervirán o arquiveiro municipal José Villasante, o filósofo Guillermo Pedreira e o historiador Eduardo Fra. É o anticipo da cuarta edición dun Festival Ilustrado que esta fin de semana volverá somerxer a cidade no século XVIII.

 

Cre que, aínda que é unha palabra estendida na cidade, hai certo descoñecemento sobre o seu significado e sobre como este se “traduce” no que Ferrol é hoxe?
Queremos que a xente saiba o que significa a palabra Ilustración e nada mellor para facelo que coller textos de autores do século XVIII como Mendelssohn e Kant, que responderon a unha pregunta que se fixera naquel momento nunha revista alemá, porque a palabra era nova. Daquela estaban estendidas as ideas enciclopedistas que viñan de Francia e había un rebumbio e polémica entre o pensamento tradicional-relixioso e o científico-racionalista. Ese era o ambiente que bulía daquela por Europa e Ferrol nace precisamente nese contexto: somos unha cidade de nova construción pero no centro da cuestión da política internacional de choque entre dous imperios marítimos, o británico e o hispánico, con América de fondo. En fin, que mañá (por hoxe) recorremos ao prestixio dos dous filósofos para reflexionar sobre o significado da palabra Ilustración e co desexo íntimo de que a tomemos en serio, cunha visión racionalista, científica, de compromiso ético co sistema democrático e de liberación da persoa. 

No tema urbanístico a pegada da Ilustración é ben visible, pero que outra impronta deixou ese movemento na cidade? 
Primeiro, non hai máis que mirar o que temos, o patrimonio. arquitectónico e industrial que naceu nesa época. Só con iso decatarémonos de que é unha cidade moi especial tanto en Galicia como en España. Imos convidar á xente a ler un texto pequeno e prestar atención ao ton das palabras que usaban no século XVIII. Son moi actuais. O que nos propón a actitude racionalista ou a actitude científica, a independencia do pensamento que propón Kant, é de grande actualidade. E en certa maneira serve tamén para ter un pouco de autoestima e ver que a cidade naceu para algo importante, coa ciencia como base e para defender o territorio do Estado español. Había unha competición enorme polo dominio do Atlántico e é fundamental que os rapaces coñezan –e os profesores expliquen– o papel que xogaba Ferrol naquela competición tan dura entre potencias.

 

En que medida contribuíu a influencia das persoas que naquela época chegaron á cidade para espallar esa nova mentalidade?
Aquí viñeron moitos técnicos da construción naval e mesmo da medicina, porque aquí se deron os primeiros experimentos de vacinas como a da varíola. Ou sexa, que había un nivel científico importante e, de feito, aos médicos da Marina chamábanos da Universidade de Santiago porque tiñan uns coñecementos moi por riba do normal. Ferrol naquel momento estaba na vangarda por razón técnica: enxeñeiros ou obreiros especializados que viñeron de fóra. Os 30.000 habitantes que había non eran pouca cousa e a cidade estaba na vangarda do pensamento técnico e científico da época, por razóns industriais e militares. O que non sabemos é como isto impregnaba a vida cotiá da xente do común, pero temos sospeitas de que as cousas se sabían máis do que parece. Por exemplo, cando na véspera da Revolución Francesa se fai esa recollida de opinións nos cadernos de queixas aparecen todas as ideas da Ilustración e, polo tanto, o desexo de aplicalas á política; aparecen as ilusións dunha reforma constitucional revolucionaria. Moitos militares que estaban en Ferrol estiveran na independencia de Estados Unidos, ou sexa, que había un coñecemento das transformacións políticas que se estaban a dar no mundo. E se visitamos a biblioteca do Arsenal atoparemos  unha colección de tomos da Enciclopedia francesa, que é algo así como a Biblia do racionalismo. E non estaría mal que algún día se fixera unha edición dalgún capítulo ou palabra dese monumento científico que é a Enciclopedia francesa. Dalgunha maneira somos moi cosmopolitas; a nosa historia non é marxinal, senón que está incardinada neses movementos de vangarda e transformadores do mundo. Aínda hoxe Ferrol é industrialmente unha cidade moi cosmopolita e iso foi así desde o seu mesmo nacemento: naceu para solucionar uns problemas militares, políticos e tecnolóxicos, e iso hai que aproveitalo. Alégranos que a Ilustración se celebre con festas e con concertos, pero non estorba botar unha ollada aos textos que temos entre nós. 

Eduardo Fra: “Temos que ter a autoestima de saber que esta cidade naceu para algo importante”

Te puede interesar