Emilio Grandío Seoane é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e o coordinador do libro “Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia”. Esta obra presenta unha perspectiva única até o momento no tratamento do tema. Trátase da parte final dun proxecto que se materializa nunha web, onde se inclúen recursos como un mapa coas localizacións que se concluiron relevantes da investigación.
“O obxectivo do libro é sinalar un espazo que estaba baleiro, os lugares de memoria democrática en Galicia, con dous enfoques novos”, resume Grandío. Unha das perspectivas nas que se innova é a cronolóxica, xa que se utiliza o período dende o 1936 até o 1978. A outra novidade no tratamento do asunto é que a temática non se reduce aos espazos de morte ou ao pasado traumático, xa que existen numerosas localizacións involucradas na consecución da democracia, segundo Grandío.
Pola contra, con este punto de vista búscase ampliar o foco “a moitas outras maneiras de construir democracia, que fican invisibilizadas na inmensa maioria dos casos”, declara o autor.
O coordinador expón que os métodos de represión son moi amplos e abarcan “dende a morte, pasando polas penas de prisión, e tamén outro tipo de represión que moitas veces se esquece”, relata o catedrático.
Esa represión esquecida ten que ver coas persoas invisibilizadas ao longo da historia, que loitaron para botar abaixo un réxime ditatorial e conseguir “o que temos hoxe, a democracia, con todos os seus problemas, pero hay que marcar as liñas entre o que significa unha cousa e outra”, remarca Grandío.
“Hai moitos outros lugares que foron memoria da construción democrática deste país, como os relacionados con loitas sindicais, de xénero ou de ámbito cultural”, esclarece o investigador.
Grandío encargouse de escribir o limiar e o primeiro capítulo da obra escrita. “Despois de máis dun cuarto de século traballando sobre o que se dá en chamar a memoria, creo que chegou o tempo de empezar a explicar o propio concepto dende outra perspectiva”, manifesta o historiador.
Para abordar este punto de vista, o autor utiliza “un lugar que creo que non existe en ningunha cidade do estado, como é Punta Herminia, na Coruña”, expresa Grandío. O coordinador lembra que neste lugar hai tres monumentos de homenaxe á memoria, separados por aproximadamente 500 metros entre eles. Que existan estos recordos, construidos en momentos diferentes, separados por aproximadamente quince anos, permitiulle ao autor facer un percorrido sobre como “o concepto de memoria vai cambiando ao longo dos tempos”, informa o catedrático.
“Pasado arrincado. Lugares de memoria democrática en Galicia” é unha escolma de temas. Ao igual que Grandío escribe sobre Punta Herminia, outros autores fano, por exemplo, sobre o Pazo de Meirás ou sobre a cuestión da especulación urbanística. Deste xeito, os investigadores seleccionaron distintos elementos “para amosar a punta do iceberg de todo o traballado”, ilustra o autor.
O libro non sería posible sen o traballo inicial que precisou o conxunto do proxecto, do que forma parte a obra. Esta fase é, segundo Grandío, a que máis tempo require. Grande parte dos resultados das investigacións enténdense cunha ollada ao mapa xeral de Galicia que confeccionaron os autores. O plano demostra que “a memoria do pasado en loita pola democracia en Galicia é moitisimo maior do que tiñamos ata agora”, explica o historiador. Grandío tamén indicou que o equipo non se reduce aos autores do libro, senón que abarca a moitos máis profesionais.
O máis gratificante da tarefa do catedrático é “devolver á sociedade o que ela invirte en nós para que lle demos”, expresa. “Creo que hay futuro e que pode ser contruido en positivo”, explica, “e quizáis a historia sexa unha das disciplinas que mellor pode facilitar isto”, continúa Grandío.
Pola contra, o maior problema que nomeou o autor do traballo é ser capaz de comunicar e formar á xente sobre esta temática. Así pois, o inconvinte non ten que ver coa práctica da investigación, senón “porque o relato de intereses políticos arrampla con todo no ámbito da comunicación”, dilucidou o historiador. Así mesmo, Grandío definiu o discurso político como “moito máis plano e sinxelo”, en contraposición ao do seu sector, que require máis reflexión e é “menos cómodo de dixerir”, compara o catedrático.
Outra dificultade é poñer en práctica as ideas, expón Grandío, sobre todo nun territorio como Galicia, que está tan espallado xeograficamente. O grupo investigador tamén se dedicou, por exemplo, á realización de fotografías, polo que abarcar todo ese espazo físicamente supón un dos maiores apuros do propósito.
A plataforma en liña, memoriasvivas.es, á que xa se pode acceder, conta cunha base de datos de máis de 300 ítems de lugares de memoria democrática en Galicia, coa correspondente explicación. Tamén están rexistrados uns roteiros de memoria por todo o territorio da comunidade.
Asimesmo, a páxina web facilita a descarga dunha guía docente para profesores de Bacharelato interesados en tratar esta temática cos seus alumnos.
O método de traballo foi, en primeiro lugar, reunir ás persoas que ían apostar por esta nova idea, “cun cambio de enfoque temático e cronolóxico con respecto dos lugares de memoria”, explica Grandío. O primeiro foi seleccionar os lugares de memoria, crear a base de datos para despois desenvolver os restantes produtos, que inclúen o libro e a páxina web en si mesma.