Os pequenos serán este domingo os protagonistas do primeiro día do Entroido en Ferrol, que dará paso á xornada central da celebración, na que participarán un total de 15 comparsas. Estas agrupacións animarán as rúas da cidade o luns co seu desfile, que partirá ás 18.00 horas da praza de España, e coas actuacións, que realizarán na carpa de Armas ás 19.30.
Na festa infantil con temática hippie do domingo, de 17.00 a 20.00 en Armas, repartiranse, de balde, 150 conos de lambetadas, 300 racións de flocos de millo e outras tantas de algodón doce. Do mesmo xeito, ao día seguinte ofreceranse gratuitamente filloas.
As comparsas protagonistas desta edición serán Os Colludos da ASCM (Ferrol), Anpa Belén (Ferrol), Colectivo sociocultural A revolta de Trasancos (Ferrol), Patronato Concepción Arenal (Ferrol), Oje Ferrol (Ferrol), Sociedade cultural Areosa-Os Parrandolos (Narón), Asociación Tróupele Tróupele (Narón), Asociación comparsa Os Argalleiros (Narón), As Xoaniñas de Chao (Narón), Semente Trasancos (Neda), Asociación Andaina A Canteira do Puntal (Neda), Asociación juvenil Paso a Paso (Fene), Escudería Scratch (Fene), Fene Baila SD (Fene) e Troula seguido (Cambre).
Na sección de grupos subirán a escena As Beibis, Os Festeiros, Forever, Chirigota gaditana Los últimos del camino e As Caralletas. Ademais, haberá tres parellas e un participante individual.
Para pechar o Entroido, o venres citarase outra festa infantil temática, neste caso do bosque, na rúa Perú de Ultramar, de 17.00 a 19.30. En ambos encontros, un fotógrafo para inmortalizará a tarde, que seguirá co pasarrúas ás 20.15 e posterior festival, para rematar co Enterro da Sardiña arredor das 23.00.