A experiencia do Festival de Ortigueira vai chegando ao seu fin

O escenario Estrella Galicia acolle nove concertos entre o sábado e o domingo, ademais doutras propostas
A experiencia do Festival de Ortigueira vai chegando ao seu fin
Os últimos coletazos do festival animan ao pracer antes da chegada do luns | EMILIO CORTIZAS

O tradicional desfile das Nacións Celtas inaugurará este domingo a derradeira parte do programa do Festival de Ortigueira, que será clausurado á noite polo grupo de Ferrolterra Böj. Non obstante, aínda quedan cinco actuacións máis este sábado no escenario Estrella Galicia.

 

A presente xornada comezou como unha das máis intensas do Festival na Rúa e tamén incluíu a única iniciativa dirixida ao público infantil, de Uxía Lambona e a Banda Molona, no Teatro da Beneficencia. O sábado contou ademais coa visita do conselleiro de Cultura, José López Campos, que resaltou que este é un “dos certames máis multitudinarios de España”. 


Esta noite de sábado continuará, dende as 21.30 horas, cos protagonistas do palco principal Ailá, Capercaillie, Dervish, NoGood Boyo e Aroze. O domingo, a Alameda será o punto de partida, a partir das 11.30 horas, do desfile das Nacións Celtas, que fará un percorrido por distintos lugares do pobo até rematar no Cantón. Un total de nove agrupacións, procedentes de distintos puntos do mundo celta, serán os protagonistas desta popular itinerancia.


Troula do Ortegal serán os encargados de retomar a actividade xa pola tarde, ás 18.00 horas, na Praza Isabel II. Seguidamente, ás 19.00, dará comezo a última proposta do Festival na Rúa, que se volverá a realizar en tránsito, a cargo da Requinta de Lampai, que partirá da Avenida Penela e finalizará no Cantón ou na Alameda.


Á mesma hora, ás 19.00, o programa inclúe a segunda convocatoria do Festival no Teatro, cun concerto de pequeno formato que ofrecerán Os Carunchos, con entrada libre até completar o aforo. Para rematar, a asociación cultural Donaire, que participou tanto o venres como o sábado no Festival na Rúa, subirá ao escenario Estrella Galicia ás 21.30 horas. Ás 22.45 está previsto que actúe Muro Kvartet, ás 00.15 será a quenda de José Manuel Tejedor e a última actuación estará nas mans dos integrantes de Böj. 

A experiencia do Festival de Ortigueira vai chegando ao seu fin

Te puede interesar