Valentín Calvín: “A xente que vén ao festival ten un compromiso medioambiental moi grande”

A traxectoria deste evento cambiou co paso dos anos, pero sempre mantivo a gratuidade como sinal de identidade
Valentín Calvín: “A xente que vén ao festival ten un compromiso medioambiental moi grande”
O presidente da organización no acto de inauguración do evento | EMILIO CORTIZAS

O alcalde de Ortigueira tamén é o presidente do comité organizador do Festival Internacional do Mundo Celta, do que se encarga o Concello. Valentín Calvín vive dende pequeno no pobo, e chegou a traballar como camareiro durante o evento, polo que é quen de relatar a historia desta iniciativa nacida en 1978.


“A idea xurdiu dunha serie de persoas ás que lles gustaba a música folk, fai 46 anos, e decidiron crear unha escola de gaitas”, indica Calvín, que narra como os fundadores comezaron traballando o tema da cultura tradicional galega até que decidiron crear un festival, que se celebrou durante dez anos seguidos até 1988.


Nese momento, realizouse un parón “porque había altercados policiais, problemas de agresividade e esas cousas”, declara o rexedor, que engade que “agora isto está superado”. Así, instaurouse unha segunda fase a partir do ano 1995, cando se volveu convocar o evento, que seguiu ininterrompidamente até hoxe.


“Non ten nada que ver a xente que vén hoxe ao festival”, xa que a maioría “ten un compromiso medioambiental moi grande, que coida o entorno e que é respectuoso”, expresa Valentín Calvín. Con este cambio cualitativo, tamén aumentou a cantidade de persoas asistentes ao encontro, polo que a organización e os servizos ofrecidos compasaron estas transformacións.

 

“A medida que o festival cumpre anos tense que ir adaptando aos tempos, sempre seguindo coa filosofía daqueles precursores”, sinala Calvín, en referencia á característica de que todas as propostas son totalmente de balde. Valentín Calvín viviu as dúas etapas desta cita dende diversas perspectivas. “Meu tío tiña un bar aquí, en Ortigueira, e eu traballei moitísimos festivais”, explica, en relación ao local do mesón Soilán, que aínda existe, onde traballou durante os veráns nos que estaba estudando.


Neste sentido, o alcalde afirma que o encontro supón “un motor económico moi importante pero tamén a base de moito esforzo da hostelería”, detalla Calvín, que explicita o seu recoñecemento a estes profesionais. “Hai que entender que cando remate o festival e chegue o luns, todos os que traballan na hostelería, non van saber nin onde están porque é un traballo moi duro, onde hai moitísima xente e soamente o sabe o que o viviu”, conclúe. 

Valentín Calvín: “A xente que vén ao festival ten un compromiso medioambiental moi grande”

Te puede interesar