A Real Academia de Belas Artes celebra o seu 175 aniversario cunha exposición de gravados protagonizados polo personaxe mitolóxico de Hércules, que tivo unha importante repercusión na tradición e nas lendas sobre a monarquía hispana dende a Idade Media. Esta mostra inaugúrase hoxe venres, ás 19.00 horas, no centro cultural Torrente Ballester, onde permanecerá até o 20 de abril.
O comisario da exposición é o académico José Ramón Soraluce Bond, quen seleccionou 16 gravados orixinais copiados da serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II na bóveda e nos muros do Casón del Buen Retiro de Madrid.
No século XVIII, o pintor José del Castillo reproduciu en óleo estas mesmas escenas, “Los Trabajos de Hércules”, para servir de modelo aos profesionais da Calcografía Nacional de Madrid, Juan Barcelón e Nicolás Barsantí, que se ocuparon da transformación ao gravado, en 1790.
Os lenzos pintados por José del Castillo consérvanse na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, mentres que a serie completa dos orixinais que se expoñen atópase na colección de gravados que posúe a entidade organizadora.
O personaxe de Hércules coñécese en España dende a Idade Media, cando se comezou a recrear e ampliar as súas fazañas, tal e como fixeron autores como Alfonso X, Rodrigo Jiménez de Rada ou Enrique de Villena. No Renacemento, Carlos V adoptou o lema “Plus Ultra” relativo ás Columnas de Hércules dos escudos reais. En concreto, Alfonso X “O Sabio”, incluíu nos seus escritos sobre a orixe lexendaria do reino a presenza de Hércules no noroeste peninsular e a fundación da Coruña.