O proxecto “Shorewinner” ten catro anos por diante para artellar un ciclo de FP que se adapte ás demandas do sector en cinco Estados do sur de Europa. O profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial Félix Orjales forma parte do equipo que busca adaptar os currículos da FP a unha nova realidade emerxente que se chama eólica mariña.
Como definiría o proxecto?
Consiste basicamente na creación dunha comunidade de práctica, unha especie de nexo entre a formación profesional e todas as empresas arredor. É unha maneira de achegar a formación ás necesidades da industria na eólica mariña. Neste caso, desenvólvese en cinco países (España, Italia, Portugal, Grecia e Chipre) e a idea é analizar as necesidades de cada parte e tratar de propoñer currículos formativos, estruturas de técnicos de grao superior ou bloques optativos en ciclos que xa existan para tratar de adecualos o mellor posible ás necesidades actuais da industria. En moitos casos, esta desenvólvese a un ritmo e as formacións a outro diferente, máis lento. Cando hai un cambio grande, como a implantación da eólica mariña, realmente xorde unha necesidade das empresas, que demandan uns profesionais cunha formación. A idea é avanzar e facelo en conxunto o sur de Europa porque é unha das rexións que máis potencial ten.
Hai unha fenda entre a formación e a industria?
O contido que se dá pode ser útil nalgúns ámbitos e non noutros, pois pode quedar atrasado con respecto ao que se demanda na industria. Nese sentido si hai un pouco de separación. Nós levamos a coordinación do proxecto a nivel español e comentaban os centros de FP que a organización a nivel de prácticas, de idiomas, pois require unha formación bastante transversal. Hai dificultade á hora de conciliar ambas cousas.
A adaptación do ecosistema ferrolán vai ser máis rápida debido á tradición e experiencia no sector naval?
Creo que en Ferrolterra partimos con vantaxe en comparación con outros sitios onde non se estaba dando formación relacionada coa eólica, o mantemento dos parques... Existen moitas zonas de contacto con todo o que se estaba ofrecendo. O feito de ter esa actividade industrial debería facilitar que os alumnos vexan claro que se poden formar aí, ter as prácticas preto e unha saída profesional cercana.