Ferrol cumpre unha década como sede da narración oral de Atlántica

O encontro continúa a súa expansión e volve realizar dúas paradas no concello de Mugardos, no Centro de Interpretación de Caldoval
Ferrol cumpre unha década como sede da narración oral de Atlántica
A edición do ano pasado do Festival Atlántica concentrouse no barrio de Canido, mentres que a actual realizarase en espazos coma o parque Raíña Sofía | CEDIDA

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica está de aniversario no concello de Ferrol, no que cumpre dez anos e permanecerá dende o xoves até o sábado. En Mugardos celebrarase a terceira edición en dúas datas dirixidas a público adulto e en calquera dos casos, trátase dunha iniciativa que se ofrece ao público totalmente de balde.


Soledad Felloza dirixe o Festival Atlántico dende os seus alicerces, no ano 2013, cando se conmemorou a primeira edición.  “Tanto Mugardos como Ferrol, dende o momento en que apostaron polo festival, seguen con nós e no caso de Ferrol, sempre aumentando”, declara a fundadora. Neste sentido, o incremento do programa este ano dispúxose cun percorrido a maiores do “Roteiro pola escultura urbana da cidade”, a cargo de Guillermo Llorca o xoves (inscricións no 981 944 182). Trátase da proposta “A muller no progreso de Ferrol”, no que Esperanza Piñeiro achegará estas narrativas menos habituais (reservas neste enlace).


“Un dos faros do Atlántica está alí, porque os dous sitios están ao firme co festival”, manifesta Felloza sobre as dúas sedes na comarca. A primeira cita en Mugardos será o xoves, con “Urdimbres” ás 20.30 horas, no Centro de Interpretación de Caldoval. No mesmo lugar ofrecerase, o venres ás 21.30 horas, a estrea absoluta de “Ida e volta”, a cargo de En branca e negra, que interpretan Cris de Caldas e Amor Herrera.


“Sendo Galicia un lugar cunha longa traxectoria de contadores e contadoras, tiña que haber un festival que xuntara non só as voces galegas, senón tamén as da beira do atlántico”, indica Felloza. Ademais desta responsable, neses bordos dos continentes americano, africano e europeo estaban a traballar en festivais narradores como Cándido Pazó, Quico Cadaval, Avelino González, ou Paula Carballeira.


“Cadaval sempre di, estabamos os galegos moi tranquilos e veu a negra e nos puxo a andar”, apunta a creadora, que contou co respaldo inmediato deste grupo. O festival fundaméntase en que a forma de narrar ten relación co feito de estar nas beiras do Atlántico, aínda que cada punto presente as súas propias características, ademais da “posibilidade de celebrar a calidade e a fortaleza do movemento da narración oral en Galicia”, explica a directora do evento.


“Un dos obxectivos do festival é ser ese mar pero en terra e descentralizar a cultura”, relata Felloza, que dá conta da relevancia de que os mesmos artistas que chegan ás grandes cidades vaian tamén ás poboacións máis pequenas. Así pois, a organización tamén quere loitar contra o despoboamento do rural e pretende chegar cada vez a máis lugares.


Aparte da colaboración administrativa, por exemplo a dos Concellos, que achega recursos como os de loxística, Soledad Felloza resaltou a relevancia do tecido asociativo para a parte humana do proxecto, que tamén “vencella moito o patrimonio da tradicion oral co de tipo material”. Asimesmo, valorou a todo o equipo profesional que está detrás do evento, xa que nun inicio xurdiu de forma voluntaria. Todos os detalles da programación, que inclúe actividades tanto para público adulto como infantil e familiar, pódense consultar na páxina web do evento festivalatlantica.gal.

Ferrol cumpre unha década como sede da narración oral de Atlántica

Te puede interesar