“Ferrol no tempo”, a identidade dunha urbe que levou a Galicia á modernidade

“Ferrol no tempo”, a identidade dunha urbe que levou a Galicia á modernidade
Un momento da visita guiada ofrecida onte no decurso do acto de inauguración da mostra | emilio cortizas

Hai feitos e situacións que contribúen a elevar especialmente a autoestima dun pobo. A mostra “Ferrol no tempo” inaugurada onte en Afundación sintetiza, de xeito maxistral, o relevante papel dunha cidade que embarcou a Galicia na modernidade. “A historia ensínanos como Ferrol foi moitas veces esa cidade onde as ideas, mesmo as máis complexas, podían facerse realidade, xa que contaba co talento técnico e a preparación para levalas adiante”, salientaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no decurso do acto.
 

Xunto a el, todas as demais autoridades presentes na visita guiada ofrecida polo comisario da mostra, Manuel Gago, e polo coordinador da mesma, o ferrolán Guillermo Llorca –apoiados por un sólido equipo de investigadores especializados en estudos sobre a cidade do que formaron parte Esperanza Piñeiro, Carmen Porta, José Antonio Rodríguez-Villasante, Margarita Sánchez e Alfredo Vigo–, amosaban o seu abraio ante unha exposición composta por arredor de 120 pezas procedentes de 33 institucións de Ferrol, Galicia e doutros lugares do territorio español (o Museo Naval de Madrid, o Arquivo Xeral de Simancas, Patrimonio Nacional, o Centro Xeográfico do Exército ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, o Ateneo Ferrolán, o Museo Naval de Ferrol, a Diócese Mondoñedo-Ferrol ou a Fundación Hospital de la Caridad, entre outras).
 

Obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos, obxectos de gran relevancia simbólica así como vídeos e instalacións interactivas ocupan boa parte das instalacións do gran contedor cultural que é a sede de Afundación.
 

O mapa conservado no Arquivo Xeral de Simancas coa descrición do Porto de Ferrol (1639), a copia do plano orixinal do proxecto do Arsenal de Ferrol (1752), unha recreación audiovisual animada sobre a Batalla de Brión (1800), a afamada enciclopedia mecánica inventada pola ferrolá Ángela Ruíz Robles –considerada como precursora do ebook–, a impresionante pintura “Cara a fisterra” de Ricardo Segura Torrella ou o cristo da Tafona, son só algúns exemplos do interesante material vinculado á historia da cidade naval dispoñible agora ao público nunha mostra que constitúe “un dos relatos máis completos para explicar a construción da identidade de Ferrol ao longo da súa historia”, apuntou o conselleiro. “Ferrol no tempo” é a segunda das exposicións –a primeira foi a de Santiago de Compostela– que a Xunta de Galicia e Afundación organizan no marco do proxecto “Cidades no tempo”, sobre as sete principais urbes galegas, proposta que pretende reivindicar a dimensión urbana de Galicia a través dos proxectos dedicados a cada unha delas.
 

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, manifestaba onte a súa impresión ante unha exposición que, dixo, “non deixará a ninguén indiferente”. A iniciativa percorre a través de varias seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) a súa construción e evolución, marcada esta pola chegada da industria e polo crecemento da poboación provocado polas necesidades da Armada e os estaleiros, con forte presenza da cidadanía estranxeira. Unha urbe que opta, tal e como lembrou Mato, á candidatura de Patrimonio Mundial e, sen dúbida, esta mostra achega moitos dos elementos que farían merecedora á cidade de tal consideración.
 

Cada unha das pezas convértese, salientaba onte Gago, nun pretexto para contar unha historia da cidade. Concibida como un percorrido circular, o visitante transitará polas orixes da urbe, por escenarios que achegan algunhas das claves da sociedade que conforma Ferrol, polo diálogo entre a ciencia e a técnica coa educación e a cultura ou polas voces actuais que falan, na última estación do percorrido, de diferentes aspectos que teñen que ver con eventos como as Meninas ou os Maios de Canido, a Semana Santa ou o sistema de fortificación da cidade.
 

Dimensión poliédrica

O comisario Manuel Gago chamou a atención sobre a dimensión poliédrica da que describiu como “unha cidade de cidades e da complexidade que supuxo reunir nunha soa mostra “o Ferrol naval, da Armada, o dos estaleiros, pero tamén unha das cidades que mellor encarnou a chegada da Ilustración, a vida obreira e que, tantas veces, abriu as portas da innovación técnica en Galicia”.
 

O presidente de Afundación, Miguel Escotet, asegurou que a mostra permite, entre outros aspectos, “contemplar con maior claridade o pouso intelectual que determinou o carácter desta cidade”. Engadiu ademais que “aquí materializáronse influencias ideolóxicas de toda a Europa ilustrada xunto coas mellores experiencias tecnolóxicas da época”.
 

No acto de inauguración tomaron parte tamén, entre outros, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o director xerente de Afundación, Pablo Otero; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Fernando García Cadiñanos.
 

A mostra, que incluirá un programa de visitas didácticas para achegar os seus contidos aos escolares, poderá visitarse de balde na sede ferrolá de Afundación ata o 28 de xaneiro.

“Ferrol no tempo”, a identidade dunha urbe que levou a Galicia á modernidade

Te puede interesar