Ferrol salda unha débeda con Benito Vicetto, duodécimo fillo predilecto da cidade

A mostra, con preto de 200 pezas, pode visitarse no Centro Torrente Ballester até comezos de outubro
Ferrol salda unha débeda con Benito Vicetto, duodécimo fillo predilecto da cidade
O acto espertou moito interese I Jorge Meis

Nunha sala Bello Piñeiro ateigada, o Centro Torrente Ballester acolleu na tarde de onte o acto de inauguración da mostra coa que o Concello de Ferrol lembra a figura do escritor e historiador ferrolán Benito Vicetto (1824-1878) no bicentenario do seu nacemento. Foi un exemplo de unidade, a mesma que permitiu no pleno da corporación local o seu nomeamento como fillo predilecto. Vicetto é o duodécimo ferrolán que ostenta este recoñecemento que tamén teñen, entre outros, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Pablo Iglesias, Fontela Leal ou Javier Gutiérrez. 


A exposición, titulada “Benito Vicetto e a prensa ferrolá”, é a derivada última dun proceso que principiou hai meses coa iniciativa de Medulio e Ferrolterra Antiga de organizar unhas xornadas para reivindicar un persoeiro decisivo no Rexurdimento e mais o Romanticismo galego, pero que, como lembrara Josefina López Serantes nos anos 70, estivo longas tempadas “iñorado”. Unha moción do BNG apoiada por unanimidade foi clave non só para “rehabilitar” publicamente a biografía e mais a obra do autor da primeira Historia de Galicia completa, senón tamén para estender a sectores máis amplos da sociedade local a importancia que tivo no seu momento.


O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, tivo un papel central en concederlle un carácter prioritario á exposición ao lles encomendar aos historiadores e investigadores Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca o traballo de comisariala, un labor ao que levan meses de dedicación, non só indagando, senón tamén buscando material en arquivos e fontes diversas. Concíbea, ademais, como un “primeiro paso” ou “prólogo” para o futuro Museo da Cidade, a iniciativa estrela da política cultural no presente mandato. 


Os artífices

O edil quixo subliñar especialmente o carácter “colectivo” da mostra. “É froito do traballo e a implicación de moitas persoas, sen as que sería imposible”. Referiuse non só a Piñeiro e a Llorca, senón tamén ao xornalista e exdirector de Diario de Ferrol Germán Castro, que foi quen os puxo en contacto con Antonio Deaño –tamén presente no acto–, depositario do arquivo de Vicetto que posuía Dionisio Gamallo Fierros. Foi este intelectual e investigador o que no seu momento –probablemente nos anos 40 do século pasado– adquiriu a famosa “maleta” de Vicetto, un arquivo de cinco carpetas gardado en Ribadeo que contén material único e, por suposto, inédito. Parte del pode verse na mostra.

 

Presentaciu00f3n
Imaxe da presentación do acto, conducido polo concelleiro de Cultura, Ponte Far I Jorge Meis


Juan Malvar, a Fundación Exponav e Cristina Rodríguez, directora de Diario de Ferrol, que cede tamén pezas do seu museo Xornalismus, formaron parte tamén do capítulo de agradecementos do concelleiro de Cultura, con especial referencia a Antonio Deaño, por constituír, dixo, “un exemplo de xenerosidade e solidariedade cultural”.


No capítulo de intervencións institucionais falou tamén a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, quen destacou o seu “compromiso coas ideas do seu tempo e a defensa incansable da cultura galega”. Pechou o acto o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, que definiu a “prolífica” traxectoria do homenaxeado como un “testemuño do seu compromiso cos valores sociais e culturais da época, e precursor do Rexurdimento”. A iniciativa, engadiu, é ademais unha “mostra para sentir tamén orgullo de Ferrol como cidade de referencia no eido do xornalismo”.


A exposición estará aberta até o 6 de outubro e haberá visitas guiadas os mércores e os xoves de 11.00 a 12.00 horas. 

Ferrol salda unha débeda con Benito Vicetto, duodécimo fillo predilecto da cidade

Te puede interesar