Ferrol traballará nun plan de infraestrutura “verde” para acadar unha cidade sostible

O obxectivo é preparar ao municipio para afrontar retos como o cambio climático e reducir emisións
Ferrol traballará nun plan de infraestrutura “verde” para acadar unha cidade sostible
Este plan servirá para mellorar os activos verdes dentro e fóra do núcleo urbano de Ferrol | D.A.

O pasado mes de decembro o departamento de Medio Ambiente do Concello de Ferrol presentou ao Eixo Atlántico unha proposta para preparar á cidade naval e ao seu entorno perante os retos que supón o cambio climático e, con isto, reducir as súas emisións de efecto invernadoiro. Esta sorte de candidatura busca, en primeiro lugar, establecer unhas directrices para, despois, elaborar un Plan de infraestrutura verde e biodiversidade que sirva “como ferramenta” para desenvolver un modelo de cidade sostible.


Así, o organismo transnacional comunicou recentemente ao goberno local o seu apoio a esta proposta, que se configurará en diferentes fases. Desde o Concello salientouse que a iniciativa foi ideada tendo en conta os obxectivos da Axenda 2030 –concretamente o 11, sobre Cidades e Comunidades Sostibles; o 13, Acción polo Clima; e o 15, Vida de Ecosistemas Terrestres– e que o mencionado plan logrará impulsar a consecución dos mesmos.

 

Definición


O primero a ter en conta para valorar o peso desta proposta é a propia definición de infraestrutura verde. Neste sentido, o Concello plásmaa como “unha rede de espazos e elementos que melloran a resiliencia ante impactos como o cambio climático, contribúen á conservación da biodiversidade e benefician ás poboacións humanas”.


Deste xeito, o executivo local considera que este plan permitirá adoptar o mencionado modelo de cidade sostible. Porén, se ben os activos verdes son máis que numerosos no núcleo urbano –o Consistorio destaca na súa proposta “a gran superficie de zonas verdes por habitante”–, desde a área de Medio Ambiente tamén se insistiu na necesidade de que dita infraestrutura “non pode quedar encorsetada” no mesmo “dados os valores agrarios e naturais presentes no termo municipal”, recordando que se conta con zonas ZEC e ZEPA da Rede Natura 2000, entre outras.

 

Desenvolvemento


En canto ao desenvolvemento deste plan, é preciso destacar que a proposta busca, en primeiro lugar, que desde o Eixo se definan as directrices para a súa elaboración, despois do cal seguiría un traballo en diferentes fases, comezando por unha de preparación. Esta, como sinala a proposta remitida á entidade, pasaría pola definición dos obxectivos e a estrutura da xestión, así como a motivación do proxecto. Así mesmo, o Concello deberá concretar un plan de traballo que incorpore un calendario de fitos a cumprir por ambas partes.


A segunda fase –ou primeira, se consideramos a anterior como o establecemento dunhas bases– consistiría nunha análise do contexto normativo a nivel autonómico, nacional e europeo, ademais da identificación de “boas prácticas” aplicables á proposta ferrolá.


As seguintes dúas fases, un estudo sobre a situación de Ferrol e a súa contorna e a clasificación de “compoñentes e criterios” que conformarán a mencionada infraestrutura, poden entenderse como unha recompilación de información. O obxectivo das mesmas, polo tanto, pasaría por coñecer, entre outros parámetros, a normativa municipal e supramunicipal, plans de ordenación e inclusive o encaixe dos mesmos nas categorías propostas pola Axencia Europea do Medio Ambiente.


A compilación de toda esta información daría pé á penúltima fase, unna “aproximación” á situación actual do municipio. Neste punto analizaranse os datos aportados de cara a definir e concretar os elementos que formarán parte da infraestrutura verde, así como as “demandas sociais” en relación a esta mesma.

 
Unha vez concluído esta sorte de informe pasaríase á última parte da proposta, a identificación de obxectivos, liñas de actuación e intervencións prioritarias


A partir desde momento, como se sinalou desde o Concello, impulsaranse todos os traballos.

Ferrol traballará nun plan de infraestrutura “verde” para acadar unha cidade sostible

Te puede interesar