Ferrol retoma neste 2022 a carreira popular contra a violencia de xénero, que se celebrou por última vez en 2019. A terceira edición está prevista para o domingo 27 de novembro e a inscrición, gratuíta, pódese facer na web www.carreirasgalegas.com, onde xa hai máis de 250 participantes, incluíndo tamén a andaina.
Sairase do Cantón ás once da mañá e farase un percorrido de cinco quilómetros polo centro da cidade, que pode ser correndo ou nun paseo, segundo a modalidade que se prefira. O prazo para anotarse remata o mércores 23, incluído. Os dorsais recolleranse de martes a venres, de 10.00 a 14.00 horas, na Casa da Muller (rúa Lugo) ou o propio domingo antes da saída.
As actividades coas que a concellería de Muller e Igualdade conmemora o 25-N, baixo o lema “Somos tribu”, comezarán, porén, xa este mesmo luns, co acendido en cor violeta da fachada do teatro Jofre e a iluminación da fonte do Cantón.
Os obradoiros de defensa persoal volverán ter protagonismo nesta programación. Un deles levarase a cabo os días 24 e 25 no pavillón de Santa Mariña, de 9.30 a 13.30 horas. A inscrición, gratuíta, pode facerse ata o día 22 na dirección https://www.ferrol.gal/Sede/defensapersoal. Haberá outro, intensivo, o 3 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, no pavillón do CEIP Ángela Ruiz Robles –Recimil–.
O acto institucional do 25-N consistirá na lectura dunha declaración institucional no Cantón e da plantación de roseiras en homenaxe ás mulleres asasinadas vítimas da violencia machista.
Ese día comezarán a desenvolverse nos establecementos hostaleiros da cidade as sesións de microteatro, entre as 20.30 e as 23.30 horas. A proposta estenderase tamén ao 26. Os locais interesados en participar poden solicitalo ata o 22 na web www.ferrol.gal/microteatros25n.
A loita contra a violencia machista estará tamén na rúa, en espazos informativos que se montarán na praza de España (o día 25, de 9.30 a 15.00 horas) e no Cantón (o 26, de 9.30 a 14.30 e o 27, de 10.00 a 14.30).
Dous dos principais equipos deportivos da cidade implicaranse tamén na conmemoración desta data. O Racing farao o 27, cando sairá ao campo da Malata coa pancarta co lema “Somos tribu”. O Parrulo fará o mesmo na Malata o 3 de decembro.
No ámbito escolar, haberá “píldoras informativas” os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro e, ademais, o día 28 representarase no Auditorio a obra de teatro “Feminíssimas”, ás 11.30, pensada para os escolares dos centros educativos.
Como un dos actos de peche da programación deste ano, a xuíza Ana López-Suevos Fraguela falará sobre os delitos sexuais e sobre diversos aspectos da nova lei de garantía integral de liberdade sexual o 3 de decembro, ás doce do mediodía, no Antigo Hospicio.