A Festalent continúa cunha sección virtual na que se poden solicitar entrevistas

O pavillón municipal de Esteiro acolleu o xoves a segunda edición da proposta, que trata de facilitar a empregabilidade
A Festalent continúa cunha sección virtual na que se poden solicitar entrevistas
O evento conta con arredor de medio centenar de empresas e institucións | JORGE MEIS

A Feira de Empresas e Talento Festalent, que organiza o Campus Industrial de Ferrol, celebrouse onte en Esteiro, coa participación de máis de 40 empresas e institucións que instalaron os seus postos informativos. Estas seguirán formando parte da iniciativa até o vindeiro martes 15, aínda que xa de xeito virtual a través dunha aplicación.


O acto de inauguración contou coa intervención do director do Campus, Marcos Míguez, que agradeceu a resposta das empresas, en particular “neste caso, polo chamamento que foi bastante exprés”, indicou. Ademais, sobre o selo de especialización que posúe esta área universitaria sinalou que “unha das nosas características é a relación co sector industrial, especialmente da comarca”.


Neste sentido, coincidiu con Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta, que remarcou a pertinencia de aliñar as necesidades do ámbito empresarial coas aspiracións dos estudantes, “creando sinerxias que beneficiarán a toda a sociedade”.


Continuando coas declaracións do director, este valorou o labor das “institucións como os colexios profesionais, os clústers sectoriais e asociacións de empresas”, que colaboraron nas charlas, mesas redondas e talleres que se ofreceron, en paralelo á Festalent, no Campus ferrolán.

 

A actividade continúa na sección virtual, á que se pode acceder a través deste enlace. Os participantes poderán subir os seus currículos, ver ofertas de prácticas e emprego, así como solicitar entrevistas coas máis de 40 empresas implicadas. 

A Festalent continúa cunha sección virtual na que se poden solicitar entrevistas

Te puede interesar