A trixésimo primeira edición do Festival A Mocidade coa Lingua, unha iniciativa da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, celebrarase o venres 12 de abril no Auditorio da cidade naval e contará, ademais de coa participación do grupo profesional De Ninghures, con cinco bandas de centros educativos da comarca: Badulaque, do CPI A Xunqueira de Fene; A Banda da Ponte, do IES Carvalho Calero de Ferrol; Bandatios, do CPI Atios de Valdoviño; Arredemo, do IES Fene; e Son do Sofía, do instituto Sofía Casanova.
A cita, un clásico do calendario escolar na comarca no que colabora o Concello de Ferrol, terá lugar entre as 10.30 e as 13.30 horas e a previsión é que xunte arredor de 800 alumnos e alumnas, como nas últimas edicións.
As bases son semellantes ás dos anos anteriores e cada banda presentará dous temas orixinais en galego, un deles propio e outro coa letra dun escritor.