O Festival de Ortigueira será retransmitido por varias plataformas

Outra novidade é a implementación dun sistema de pago que funciona mediante pulseiras recargables
O Festival de Ortigueira será retransmitido por varias plataformas
Un instante dun dos concertos da edición do ano pasado deste encontro, que se celebra dende 1978 | ÁLVARO RAMIL

O Festival do Mundo Celta, que comeza este xoves 11 e rematará o domingo 14, amplía a súa aposta como referente desta cultura internacional. Co obxectivo de achegarse a calquera parte do mundo, nesta edición posibilítase a emisión en directo dalgunhas das propostas musicais durante todos os días do evento.


Unha das novidades deste ano do encontro ineludible da música folk e celta é a posibilidade de seguir, en tempo real, parte dos concertos mediante a plataforma musical galega Tolemias. Para formar parte desta iniciativa pódese acceder, a través de calquera dispositivo con acceso a internet, á web www.tolemias.tv ou tamén á súa aplicación.


Do mesmo xeito, o concerto de Fillas de Cassandra, que terá lugar no tránsito da noite do venres cara ao sábado, ás 00.50 horas, poderase ver en directo a través da web www.agalega.gal. Como é habitual dende a edición de 2022, o Festival na Rúa, que reparte pola vila de Ortigueira a atmosfera de sons, vestimentas e cores, tamén será retransmitido en directo, neste caso pola canle de Instagram do festival. 


Ademais da música, a organización do evento incorpora un novo sistema de pago “cashless” para as barras, coa finalidade de evitar o uso de efectivo para procurar unha maior comodidade e seguridade do público. Este método utiliza pulseiras recargables, que os asistentes poderán encher en distintos puntos, que se establecerán tanto na zona da Alameda como na da praia de Morouzos, que acolle todos os anos a acampada. Ao finalizar o Festival Internacional do Mundo Celta, os usuarios que utilicen o novo sistema de pagamento poderán recuperar o saldo que non utilizaran, mediante a web www.woutick.es.

 

Todos os concertos que serán retransmitidos a través da plataforma musical Tolemias.tv comezan a partir das 21.30 horas. O primeiro día, o xoves, os grupos protagonistas serán os de Bagad Brieg, Picarós, Alana, Buíoch, Scottish Fish e Cúig. O venres manterase o número de emisións, con seis proxectos musicais, mentres que nas vindeiras xornadas irán en descenso. Así pois, a plataforma permitirá seguir cinco concertos da programación do sábado e catro do domingo, último día da cita.

 

Inauguración da mostra de carteis dos concursantes

A sala de exposicións do Concello de Ortigueira abre este xoves, coincidindo co inicio da programación, a proposta que dá a coñecer as creacións, en forma de carteis, dos participantes no concurso do Festival de Ortigueira deste ano. Estas obras poderanse ver de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 20.00 horas. Asimesmo, durante os días do festival, a mostra estará aberta tamén o sábado, aínda que soamente no mesmo horario de mañá.

O Festival de Ortigueira será retransmitido por varias plataformas

Te puede interesar