O fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón é unha persoa en movemento, alérxico ao acomodo e detractor da visión simplista da cuestión migratoria. Leva moitos anos viaxando e, polo tanto –di–, “aprendendo”, dúas accións que son a mesma cando se fan con honestidade.
En que punto está o proxecto de Causas Comúns?
O proxecto naceu oficialmente hai dez anos; antes había un colectivo que levaba traballando en diferentes ámbitos, próximos e lonxanos, pero Causas Comúns, como ONG, comeza en 2014 e desde aí trabállase con moita forza en temas migratorios en moitos países, sobre todo en fronteiras europeas, pero tamén en América ou África, lugares de orixe desa migración coartada, desas persoas que non queren facer esa viaxe e se senten obrigadas, fuxindo. A min ese encontro ensinoume moitísimo e sempre digo que a esas persoas non as miro; admíroas, porque deixan atrás todo o que teñen. Se eu me vise nunha situación tan inxusta, non podo dicir que tivese un comportamento tan exemplar como o que vin en tantos sitios. Pero tamén me dei de conta de que a orixe é a clave de todo e por iso o proxecto actualmente está aí, na orixe.
Que accións concretas están a desenvolver agora?
Fanse moitas cousas, pero basicamente infórmase e fórmase; é todo o mesmo. Hai exposicións e charlas con imaxes que fun realizando en moitos lugares sobre os perigos da emigración, porque creo que informar pode evitar mortes. Non son ninguén para dicirlle a unha persoa que non faga esa viaxe, pero si darlle a información real e visual. Os resultados son que moitas persoas recoñecen que descoñecen esa información. Unha das preguntas que xurdían é: e se quedamos, que facemos? E aí entra tamén o proxecto, na parte da autoestima e educativa. Estamos agora nun país moi pequeno, Guinea-Bissau, e dos máis empobrecidos do mundo, cunha alta porcentaxe de emigración clandestina e lugar de partida de persoas doutros lugares. O importante é mellorar a vida alí a través da educación: montáronse dúas escolas onde non as había. Esta parte do proxecto chámase “Utopía, o máis real posible”. A aprendizaxe, como diría Galeano, faise camiñando.
Tamén sacaron un libro, “Lo importante no importa”.
Nos últimos dez anos traballo exclusivamente a través da asociación. O 80% do libro –“Lo importante no importa”– nace deses encontros e, aínda que leva o meu nome, o libro para min está feito por moitísimas persoas. As palabras que acompañan as fotos son case sempre palabras escoitadas, palabras compartidas. Agora o libro está ao servizo da asociación porque é un resumo destes encontros, de tantos sitios e con tantas persoas.
Eu non son quen para dicirlle ao público o que transmite unha fotografía; o que podo dicir é o que eu sinto no momento de facela, nada máis
Leva moito tempo afastado do seu lugar de orixe, en que o cambiou como persoa o contacto con tanta xente en diferentes situacións?
Pois para min as persoas que migran son as que enriquecen o mundo. Xa o dixen antes: eu non miro a estas persoas, senón que as admiro. Fotografío as persoas que admiro, e máis con este discurso que tanto escoitamos nos últimos tempos. Que pena que a xente perda a oportunidade de aprender que non hai dúas persoas iguais no mundo. Non creo nas bandeiras nin nas fronteiras. Temos un mundo común. As persoas que se moveron, que viaxaron, transformaron e enriqueceron o mundo.
É medo?
Si, medo ao descoñecido, sen dar a mínima oportunidade para saber que o que non coñeces pode enriquecer o que xa tes. Persoalmente, o que máis me cambiou é a viaxe interior. A cantos máis lugares vou e coñezo, máis viaxo interiormente. As experiencias fante por dentro, non por fóra.
E esa aprendizaxe cambia tamén a maneira de facer fotografía?
Eu non son quen para dicir que lle transmite unha fotografía ao público, e menos se ten unha mensaxe concreta. Eu o que podo dicir é o que sinto no momento de facela. Non busco nin aleccionar nin transmitir pena; estou en contra diso. Na miña foto intento manter a dignidade do que estou vendo. O medo está en todas partes: medio planeta está pelexado e iso é medo e odio. O odio aliméntase por moitas vías.
Como se pode botar unha man co proxecto?
En causascomuns.org pódese ver o que fixemos e o que facemos. É un proxecto pequeno pero estable, con resultados reais, e toda axuda é benvida porque moitas veces tes esa impotencia de querer facer e non chegar. Pero, por riba de todo, estamos moi orgullosos de ser a familia que somos e porque en ningún momento damos un discurso de mágoa e vitimismo. Sabemos que este discurso que temos non vende hoxe en día, pero estamos mantendo esa dignidade para construír algo.
É vostede unha persoa en movemento e en aprendizaxe continua. Agora está aquí. Pensa nalgún proxecto en Ferrol?
Si, está na cabeza, pero a verdade é que estou algo desubicado porque as cousas están mudando moi rápido, moita vida virtual e pouca vida física, real, e este tipo de traballos que fago non sei ben que tipo de resposta poden ter. Faríame ilusión, si, e mesmo vinculalo co que estamos a facer en Guinea.
Cre que a cultura está a ser desprazada polo espectáculo?
Si. Non sei se a palabra é espectáculo, pero para min a cultura ten mil vertentes, dúas delas importantes: a educativa e o entretemento. Observo actualmente que o entretemento está moi por riba do educativo; o éxito baséase en cantos máis, mellor, e eu penso que a cultura non é iso. A cultura ten que ter unha parte reflexiva unha compoñente de encontro e de proposta diferente. Iso estase a substituír por unha masa de entretemento e a min preocúpame moito porque me custa atopar lugares dos que saia coa sensación de ter aprendido.