O volume que acaba de editar o Concello en colaboración coa Xunta e a Deputación, “Gonzalo Torrente Ballester, un galego de Ferrol”, será distribuído entre os centros educativos públicos e privados que dispoñan de Educación Secundaria.
A entrega dos 400 exemplares que se editaron en total trata de achegar a figura do ilustre escritor ferrolán ao alumnado deste nivel educativo, ademais de animalo para que lea algunha das obras de Gonzalo Torrente Ballester.
Trátase dun libro que, nas súas 25 páxinas, conta con numerosas ilustracións. Así mesmo, dende o inicio diríxese aos estudantes de Secundaria, polo que foi redactado nunha linguaxe adaptada á mocidade. A través deste texto, os lectores poderán coñecer a vida e obra desta figura destacable na literatura española do século XX.