Gran participación nas medicions de glicosa polo Día da Diabetes

No Marcide foi tal a participación que nalgúns momentos había moita xente esperando o seu turno
Gran participación nas medicions de glicosa polo Día da Diabetes
No centro de saúde de Serantes ofreceuse información e medicións |D.Alexandre

Parece que a xente está moi concienciada sobre a importancia que ten para a saúde previr a aparición de enfermidades cunha elevada incidencia como pode ser a da diabetes. Onte, con motivo do día internacional desta enfermidade desenvolveronse diversas accións, con mesas informativas en centros de saúde da Área Sanitaria e tamén no hall do Hospital Arquitecto Marcide, onde persoal sanitario do centro xunto con membros de Asociación de Diabéticos de Ferrolterra fixeron medicións de glicosa, tensión e pé de diabético.
Aínda que a mañá comezou algo tímida, no tocante á participación cidadá, conforme foi avanzando a xornada a xente amosouse cada vez máis disposta e en moitos momentos se produciron ringleiras de persoas agardando para facer algunha das probas.

 

Dia diabetes otra
Moitas persoas tomaron parte activa das accións propostas por sanitarios, estudantes e membros da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra  |D.A. 


Marcos Pena e Juana Valencia son dous veciños de Narón e Xuvia, respectivamente, que onte pasaron polo Marcide por causas diversas que nada tiñan que ver coas medicións que se facían con motivo da devandita efeméride. 

No caso de Marcos, un rapaz de menos de trinta anos, explicou que “vin que facían medicións de glicosa e tensión e quixen aproveitar, xa que na miña familia hai moita xente con diabetes  e pódese dicir que estou máis que concienciado”. Por fortuna, no seu caso a tensión estaba “de libro” e a glicosa tamén. Juana Valencia, pola contra, dixo que “teño todo un pouco desbaratado, pero xa o esperaba, aínda que diabetes non teño polo de agora”.


O alumnado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía realizou onte no Marcide 13 exploracións de pé diabético e máis de 100 medicións de glucemia e de tensión arterial, baixo a supervisión dos profesores Pedro Gil, Emma R. Maseda e Alba Martínez.


Desde a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra lembran o lema deste ano: “Para unha mellor vida con diabetes, miremos máis alá da glicemia”. Así, subliñan que o feito de que moitas veces no control da diabetes tense en conta o valor do zucre na sangue “cando hai moitos outros factores que se deben ter en consideración”. 


Tamén engaden que “o acceso aos coidados necesarios e o apoio para xestionar as emocións inflúe na calidade de vida das persoas que viven con diabetes, xa que se trata dunha condición que acompaña á persoa en cuestión os 365 días do ano e que obriga a tomar decisións as 24 horas do día, o que deriva nun desgaste tanto físico como mental”.


 

Charlas abertas á cidadanía
 

Ao marxe das charlas informativas que se celebraron onte nos diferentes centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol e as mesas informativas e probas desenvolvidas no Arquitecto Marcide, a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra proseguirá hoxe e mañá con outras accións. Así, para esta xornada está prevista unha acción nas instalacións de Oído Cocinha, en Narón. Trátase dun taller saudable con pratos ricos e sinxelos de elaborar, dado que, como indican, “unha boa alimentación fornece o sistema inmunolóxico”.


Mañá, sábado, o local da asociación acolle tamén unhas charlas de Andrés Peña, enfermeiro, educador en diabetes (padece a de tipo I), e psicólogo que ofrece dúas charlas. 

Gran participación nas medicions de glicosa polo Día da Diabetes

Te puede interesar